Carmen Rodríguez: ” O PP rexeita unha proposta socialista para executar o proxecto de “ecobarrio” comprometido para Ourense”

Carmen Rodríguez lembra que o proxecto tan só ten orzamentados 200.000 euros dos 20 millóns anunciados por Feijóo en 2018

A parlamentaria socialista Carmen Rodríguez reduciu hoxe a “unha burla” o compromiso de Feijóo de desenvolver no Barrio da Ponte, en Ourense, o proxecto “Ecobarrio” que supostamente ía introducir a enerxía xeotérmica na Cidade das Burgas. Así o dixo logo de que o PP rexeitara hoxe en Comisión unha proposta socialista para urxir á Xunta a executar este proxecto presentado en eleccións municipais e “esquecido” a continuación.

AVANTAR ACTIVIDADES

A responsable socialista lembrou o compromiso acadado por Feijóo en marzo de 2018, acompañado pola plana maior do PP, para investir 20 millóns de euros en proxectos sostibles e xerar 300 postos de traballo. Sen embargo, os Orzamentos da Xunta para este ano limítanse a 275.000 euros e unha oficina de información que custou medio millón de euros e leva un ano pechada.

Rodríguez emprazou ao PP a “dicirlle a verdade aos veciños e veciñas da Ponte” e expliquen “se están tirando ao lixo o proxecto Ecobarrio”, que só recibiu o 5 por cento dos orzamentos previstos, ata un total de 695.000 euros. Lembrou que os socialistas galegos presentaron este mesmo ano unha emenda aos Orzamentos da Xunta para incrementar o investimento para este proxecto en 2 millóns de euros en 2021, e que foi rexeitada polo PP.

Denunciou o “abandono e desleixo” por parte do presidente da Xunta contra o Barrio da Ponte, que suma o freo ao Ecobarrio a unha longa lista de agravios. Así, lembra o “atrincheiramento” do Centro de Saúde cun muro de 2 metros ou a demolición da estación de autobuses antes de ter operativa a Intermodal, obrigando aos usuarios a agardar á intemperie, provocando caos circulatorio e accidentes provocados pola caída de chapa da obra, por sorte sen consecuencias.

A parlamentaria ourensá acusou ao PP de “dicir que van levar a cabo o proxecto, mentres votan en contra” desta iniciativa e das emendas aos Orzamentos que desbloquearían o investimento este mesmo ano, e resumiu que “votan en contra porque non o van facer”.