A Deputación leva o entroido ourensán aos colexios da provincia a través dos Bolechas

Presentación do libro e unidade didactica dos Bolechas “O Entroido Ourensán 2021”. Asisten Manuel Baltar (Presidente da Deputación Ourense), Aurelio Gómez Villar (Asesor de Cultua da Deputación Ourense) e Sonia e Braulio (compañentes dos Bolechas).

Manuel Baltar presentou no centro cultural “Marcos Valcárcel”, a publicación Os Bolechas, o entroido ourensán 2021, unha guía e unha unidade didáctica para que a pesar das circunstancias “poidamos contribuír desde a Deputación a manter vivo o espírito desta celebración” 

A Deputación de Ourense levará o entroido ourensán aos colexios da provincia a través da publicación Os Bolechas, o entroido ourensán 2021, unha guía e unha unidade didáctica que distribuirá a institución provincial nas vindeiras horas en 120 centros educativos da provincia nos que se imparten os ciclos de Educación Infantil, Educación Primaria, e Educación Especial. Así o explicou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ao presentar dita iniciativa cultural, no centro cultural “Marcos Valcárcel”, que ten como obxectivo que a pesar da difícil situación que estamos a vivir con motivo da pandemia e que afectará tamén ao noso entroido, “desde a Deputación de Ourense queremos contribuír a manter vivo o espírito desta celebración”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Baltar destacou o “protagonismo” que sen dúbida ten o entroido na nosa provincia pois “practicamente en cada recuncho do noso territorio hai unha manifestación vencellada con esta celebración tan ancestral, con identidade e características propias que a converten en singular e única”. 

Por elo, desde a Deputación de Ourense “elaboramos unha publicación composta por unha guía e unha unidade didáctica -editada por Bolanda Ediciones coas ilustracións e textos de Pepe Carreiro-, para que os máis cativos coñezan, da man destes famosos personaxes, o noso gran parque temático de cultura e tradición ourensá como é o entroido”, explicou Manuel Baltar. 

Os bolechas percorrerán nesta obra os entroidos máis destacados da nosa provincia, resaltando traxes e costumes, “para que os escolares coñezan máis a nosa riqueza cultural e manteñan viva esta tradición”, sinalou o presidente do goberno provincial, quen engadiu que “a pesar da pandemia, a Deputación de Ourense quere manter vivo o seu compromiso con esta senlleira celebración, tal e como o leva a facer nos últimos anos con diferentes iniciativas e actividades”.