Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Barbadás pedirán o apoio do resto da corporación para instar ao Goberno do Estado a que efectivice dita rebaixa.
O Pleno do Concello de Barbadás debatirá a iniciativa do Grupo Municipal do BNG unha moción na que se pide a rebaixa do IVE aos salóns de peiteado, estética e barberías do 21% actual ao 10%.
Segundo o portavoz nacionalista Sarín Núñez “O sector paga neste momento as consecuencias dunha decisión inxusta. No 2012, en plena crise económica, o Goberno do PP aprobou unha suba do IVE para algunhas actividades de 8 a 21%, deste xeito os salóns de peiteado, de estética e as barberías, tiveron que facer fronte a un incremento de 13 puntos dun día para outro”.
Daquela o Goberno Central afirmaba que a suba sería de carácter temporal pero o certo é que a día de hoxe o sector segue a pagar o 21%, motivo polo cal, o BNG desenvolveu na última semana unha campaña de apoio ao sector, sendo, precisamente a rebaixa do IVE, a principal reclamación.
Outro dos argumentos esgrimidos polos nacionalistas é que “as perruqueiras e perruqueiros cumpren unha importante función social, pois, ademáis da estética, encárganse de atender as necesidades de moitas persoas dependentes ou de avanzada idade para as que o lavado de cabelo e peiteado non é vaidade, é hixiene”.
Por último, o BNG, despois de varias reunións con representantes do sector, decidiu levar a demanda de baixar o tipo impositivo dos salóns de peiteado, barbería e estética do 21% actual a 10% ao Congreso dos Deputados. Segundo Sarín Núñez “Fixémolo primeiro cunha emenda nos Orzamentos do Estado, que foi rexeitada polo voto negativo dos dous partidos do Goberno, PSOE e Podemos. Agora de novo a través dunha iniciativa para que esta mudanza sexa debatida e se inste o Goberno a baixar o IVE ao 10%”.
Para Núñez “O sector ten unha importante presenza no Concello de Barbadás polo que entendemos necesario que a corporación municipal debata e se posicione ao respecto desta cuestión”.