- O delegado territorial agradeceu aos organizadores, árbitros e xogadores o exemplar desenvolvemento da competición
- Gabriel Alén non quixo deixar pasar a ocasión para felicitar a todo equipo dirixente e deportivo do Club de Hóckey Barrocás, polo seu labor diario a prol do deporte e do hóckey
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu esta mañá no Pazo dos Deportes Paco Paz á final do 68º Campionato de España de Hóckey Sala entre os equipos SPV Complutense e CD Málaga 91, no que por un resultado de 7 a 3 proclamouse campión o SPV Complutense.
Na competición, que se levou a cabo dende o pasado venres en Ourense, participaron os 8 mellores equipos masculinos de España divididos en dous grupos. O grupo A formado FC Barcelona, CD Málaga 91, CH Barrocás e RS Tenis Magdalena; e o grupo B no que estaban o SPV Complutense, CH Madrid Las Rozas, CH Carpesa e CH Alcalá.
O delegado territorial agradeceu aos organizadores, árbitros e xogadores o exemplar desenvolvemento da competición. Tamén quixo recoñecer o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade e Protección Civil, e subliñar o comportamento modélico das afeccións e seguidores que, debido ás restricións sanitarias, tiveron que seguir os partidos a través de streaming, na canle de Youtube da federación galega, ou nas redes sociais, onde se creou unha páxina Web do campionato.
Gabriel Alén non quixo deixar pasar a ocasión para felicitar a todo equipo dirixente e deportivo
do Club de Hóckey Barrocás, polo seu labor diario a prol do deporte e do hóckey. Dende a súa orixe no ano 1990, no barrio ourensán de Barrocás, este club foi sempre unha referencia de esforzo e superación que, partindo sempre da canteira, levou o nome de Ourense entre a elite dos mellores equipos nacionais desta especialidade deportiva.