O Bng contra o desmantelamento do coc de Iberdrola na Rúa

Os nacionalistas presentarán iniciativas no Parlamento para frear a deslocalización e manter as instalacións e os postos de traballo en Galiza

A deputada valdeorresa do BNG no Parlamento de Galiza, María Albert, manifestou hoxe a intención do Bloque Nacionalista Galego de presentar novas iniciativas para frear o peche definitivo do Centro de Operacións de Cunca que Iberdrola par ao seu traslado a Salamanca que a compañía eléctrica ten previsto consumar no próximo mes de marzo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Albert denuncia o efecto demoledor que este peche suporá para a comarca de Valdeorras no que ten a ver coa perda de postos de traballo cualificados e tamén polo valor simbólico que este centro ten nunha comarca marcada pola presenza dos encoros e as centrais hidroeléctricas desde os inicios de Saltos del Sil.

Neste contexto a deputada nacionalista enmarca este peche nun contexto máis amplo de desmantelamento do sector industrial en Galiza; desmantelamento ao que a Xunta de Galiza está a asistir de brazos cruzados ao carecer dunha política industrial e enerxética centrada no país. Así, e sumados ao caso de Iberdrola, Albert mencionou outros procesos de desmantelamento que se están a levar a cabo no país como os de Siemens Gamesa, Alcoa, Naturgy, Endesa, Ferroatlántica…

Desde o anuncio da compañía feito en abril de 2019 das súas intencións de trasladar o COC do Noroeste que se sitúa en Valdeorras a Salamanca o BNG ten realizado distintas mobilizacións así como iniciativas no Parlamento e nos concellos para que a Xunta de Galiza actuase con contundencia para evitar a consumación da operación.

“Unha consecuencia inadmisíbel do traslado a Salamanca sería que o control dos nosos ríos deixaría de estar no territorio propio para pasar a xestionarse desde outra comunidade autónoma”, denuncia María Albert. Os nosos recursos naturais non só seguirán a ser controlados por mans privadas senón que o farán desde fóra do noso país con todo o que iso  supón.

Deste xeito desde o BNG reiteran o seu rexeitamento firme e rotundo ao traslado xa que “O emprego que se xera no rural ten que ficar no seu orixe, non se exporta”.

Con esta decisión Iberdrola contribúe ao despoboamento do rural e á merma do emprego de calidade para fomentalo en Salamanca; un comportamento “pouco ético que queremos evitar” xa que é en Valdeorras onde está o negocio de explotación de recursos naturais de Iberdrola.

A empresa incumpriría así, ademais, o seu propio código ético que sinala como un dos seus obxectivos “maximizar os impactos positivos nas comunidades nas que opera”.

Por último, Maria Albert destaca que esta reestruturación está totalmente inxustificada dos puntos de vista técnico, de eficiencia, económico e ético e anuncia a presentación de novas iniciativas no Parlamento e nos Concellos remarcando “o papel indolente dos gobernos da Xunta de Galiza e do concello da Rúa” ante esta situación.