Ourense, entre os 12 destinos ” top” do termalismo europeo

O diario dixital HuffPost -10 millóns de seguidores en Facebook e 3,3 millóns de lectores-, na súa edición italiana publica un artigo no que destaca os pobos termais da provincia, así como a orixe romana das termas da capital, a súa localización xunto ao río e o “tren das termas”

Na reportaxe, Ourense figura xunto a cidades balnearias como Baden-Baden, Acqui Terme, Bath, Daruvar, Lądek-Zdrój, Budapest, Karlovy Vary, Vichy, Loutraki, Bursa y San Pedro do Sul

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar, presidente da asociación termal europea que engloba a 51 lugares termais de 18 países, afirma que o respaldo do Consello de Europa ao itinerario termal da EHTTA “supón un impulso para revitalizar o termalismo e con el as economías dos territorios termais do continente”

Ourense foi incluída entre os 12 destinos termais máis importantes de Europa, unha clasificación que supón estar na elite do termalismo europeo, segundo recolle unha reportaxe do diario dixital HuffPost ( The Huffington Post) -10 millóns de seguidores en Facebook e 3,3 millóns de lectores- na súa edición italiana. O artigo, asinado pola xornalista italiana Francesca Alliata Bronner, especializada en viaxes e turismo, destaca os pobos termais da provincia, así como a orixe romana das termas da capital, a súa localización xunto ao río e o “tren das termas”, cun percorrido específico para chegar ás zonas termais.

Na reportaxe Ourense figura xunto a cidades balnearias como Baden- Baden, Acqui Terme, Bath, Daruvar, Lą dek- Zdrój, Budapest, Karlovy Vary, Vichy, Loutraki, Bursa e San Pedro do Sul, o que supón, en palabras de Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa ( EHTTA) -entidade que engloba a 51 lugares termais de 18 países-, un gran impulso para revitalizar o termalismo e con el as economías dos territorios termais do continente, nuns momentos tan difíciles como os actuais, na terceira onda da pandemia do COVID-19 e inmediatamente despois, cando iniciemos a pleno rendemento a recuperación económica”, destacando tamén a importancia fundamental que ten “o respaldo do Consello de Europa ao itinerario termal da EHTTA, para a promoción termal, cultural e socio-económica dos nosos territorios termais”.

A reportaxe do HuffPost, que tamén terá cobertura no diario italiano A Repubblica -o xornal máis importante de información xeral que se imprime e edita en Roma-, sinala que Ourense é o principal destino balneario de Galicia, destacando que a provincia conta con pobos e aldeas termais, ademais da capital. Tamén remarca “a famosa” ponte romana do século I d. C. sobre o río Miño e os baños de As Burgas, “moderno balneario dentro dos restos romanos onde se situaba a orixinal piscina de Ourense, cuxas augas deron nome á cidade “Aquis Aurienses” (“cidade de augas douradas”). Así mesmo, pon de relevo que “varias veces ao día, un tren, un verdadeiro trazo local, sae da praza do concello cara ao balneario de Outariz, a 7 quilómetros de distancia, un percorrido que realiza pola beira do río; costa menos dun euro e tarda media hora, ofrecendo aos visitantes unha experiencia única”.

Termalismo: un modelo de vacacións

En canto ao ámbito xeral do termalismo, a reportaxe destaca o cambio de concepto que tiveron os balnearios, pasando de ser exclusivamente destinos de vacacións para tratamentos e cura de doenza, a ser ademais unha motivación para o relax, benestar, turismo, cultura “e desexo dunhas vacacións alternativas”.

Afirma a xornalista que non é casualidade que o interese polo termalismo remóntese a tempos remotos e que as cidades balnearias “fosen denominadas os “cafés de Europa”: lugares e destinos culturais onde membros de todos os niveis da sociedade podían mesturarse e intercambiar ideas”, sendo os balnearios espazos para a “cooperación, a creatividade e a protección do medio ambiente; presentes ao longo da historia europea e na actualidade”. Proba diso, sinala, é que “o Consello de Europa creou un rico itinerario cultural certificado sobre o tema do termalismo do Vello Continente”.

Neste sentido, remarca que o itinerario termal -no que se inclúe á provincia de Ourense- “non é un roteiro lineal, polo que é imposible medila en quilómetros”, pero abarca medio centenar de territorios de 18 países, aos que é fácil acceder en tren, unha das formas máis relaxantes de viaxar, non só sostible senón perfectamente en liña co romanticismo e a tradición das cidades-balneario, que de feito, experimentaron un renacemento coa chegada dos ferrocarrís”, explica Francesca Alliata.

A xornalista dedica na reportaxe un apartado a cada un dos 12 territorios termais do ” top” europeo, entre eles Ourense, e engade que a información sobre os demais sitios termais pode atoparse visitando a páxina web: www.ehtta.eu na sección “Destinos termais”.