O PSOE de Viana denuncia que varios núcleos de poboación continúan illados na fenda dixital

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo denuncia que os núcleos de poboación de Ramilo, Cepedelo, Umoso, Quintela de Umoso, Sever e Pradorramisquedo continúan illados dixitalmente e sen cobertura. Os socialistas critican que o goberno municipal de Viana se poña a carón da empresa encargada de levar cobertura a veciñanza destas aldeas e dea “as costas” aos veciños e veciñas destas zonas rurais.

Dende o Grupo Municipal Socialista trasladan a súa “fonda preocupación” trala xuntanza convocada polo goberno municipal e a empresa adxudicataria de levar a telefonía e internet ás aldeas de Viana. Relatan que na mesma “atopámonos coa sorpresa de que os núcleos de poboación que carecen deste servizo, van a continuar na mesma situación, xa que a empresa adxudicataria manifesta que non van ter cobertura”.

AVANTAR ACTIVIDADES

A isto sumouse a resposta do goberno municipal no último pleno, cando os socialistas aproveitaron o punto de rogos e preguntas, para que o alcalde e o seu equipo deran respostas e aportasen solucións aos veciños e veciñas destes núcleos. “O goberno municipal contestou que non se vai instalar ningún poste ou repetidor que de cobertura, e que no caso de que algún veciño ou veciña reclame cobertura, falarán coa empresa para que instale un parche”.

Os socialistas lembran que esta iniciativa foi aprobada por unanimidade e que se solicitaba que o Concello se unira a outros da bisbarra para contratar a dixitalización dos núcleos de poboación que carecían do servizo. Tras isto, o GDR Sil Bibei Návea promoveu a dixitalización cunha subvención de 230.000 euros e o Concello participou cunha porcentaxe. “A empresa, a que se lle adxudicaron os traballos, instalou uns postes nos altos de Covelo e Quintela, que non fan máis que dar cobertura as zonas nas que xa existía, concretamente as localidades próximas a Viana, deixando na fenda dixital ao resto de poboacións que non tiñan cobertura”, apuntan dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo.

O GMS de Viana propón, unha vez máis, que o Concello lle esixa a empresa a instalación dun repetidor de ondas que permita dotar de cobertura dixital as zonas que carecen dela. “A única solución que nos aportan é que se algún veciño ou veciña solicita cobertura, a empresa instalará un elemento de amplificación nun poste da luz”, indican os socialistas, que tamén apuntan “isto non é máis que un parche, que xa se demostrou noutras zonas da provincia que é deficitario, que presenta interrupcións e que o servizo é lento”.

Os socialistas denuncian que o fin co que se concedeu esta subvención, e se procedeu a contratar á empresa, “era o de dar cobertura aos núcleos de poboación que carecían dela, cousa que ata agora non se produciu”. Finalizan criticando que o Concello “non esixa o cumprimento do contrato” nin teña “altura de miras para rematar coa fenda dixital e facer atractivo o rural”.