A vila de Ribadavia prepara unha Semana Santa memorable cunha programación diversa e intensa que combina espectáculos de ilusionismo, visitas guiadas, actividades infantís, exposicións culturais e actos relixiosos. Unha oferta pensada para veciños e visitantes de todas as idades que buscan desfrutar da historia, o entretemento e a vida comunitaria durante estas datas especiais. A presentación do programa tivo lugar esta mañá nas dependencias de Turismo do Concello ribadaviense, coa presenza do alcalde, César Fernández; da concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, e Mayka Prado, presidente do Círculo Caldeiro Máxico, colectivo organizador do festival ‘Ribadavia Máxica’.
O alcalde, César Fernández, destacou hoxe, na presentación do programa, a importancia de “encher os períodos non lectivos de eventos culturais e de todo tipo de actividades”. Ademais, reafirmou o compromiso do Concello por ofrecer ás familias “alternativas de conciliación. Temos moi claro o compromiso con estes servizos para facilitarlles a vida ás familias de Ribadavia”. Ademais, o rexedor puxo de manifesto a ampla e variada oferta de actividades que encherán o calendario da Semana Santa ribadaviense, cunha ampla programación do Ribadavia Máxica, mais tamén as visitas ó Castelo dos Sarmiento co fin de “aproveitar estas datas para promover a nosa riqueza cultural, histórica e patrimonial”.
“Un ano máis conseguiremos que Ribadavia sexa durante a Semana Santa unha vila viva, con moita actividade lúdica, cultural e festiva” celebrou o alcalde, agradecendo ademais ós Magos a súa implicación para celebrar o Ribadavia Máxia e, tamén, “á Parroquia de Santo Domingo de Ribadavia, Cofradía da Nosa Señora do Portal que, ano tras ano, posibilitan que a Semana Santa teña unha ampla programación relixiosa que, ao final, é a esencia desta celebración”.
IV Festival “Ribadavia Máxica”: maxia para todos os públicos
Do 17 ao 20 de abril celébrase a cuarta edición do Festival de Ilusionismo “Ribadavia Máxica”, que converterá as rúas, igrexas e espazos culturais da vila nun auténtico escenario máxico. A programación comeza o xoves 17 cunha sesión de maxia familiar a cargo de Pablo Estévez na Igrexa da Madalena (18.00h), seguida do espectáculo “Maxia Impromptu” dos Magos de Garda no Pintamonas (19.00h) e, máis tarde, en The Boot (20.00h), nunha versión para maiores de 16 anos.
O venres 18 inclúe maxia infantil con Meiga Belmonte (12.00h) e o concurso de novos talentos no Auditorio da Casa da Cultura (18.00h), onde o público será quen escolla ao gañador. Pola noite, José Rivera presenta o seu espectáculo de maxia de preto “En tus manos” no Restaurante Plaza (23.00h), e os Magos de Garda darán dúas sesión de “Maxia Impromptu”, unha no Kopa (20.00h) e outra no Meu (00.30h), ambas para maiores de 16 anos.
O sábado 19 comeza cun obradoiro de maxia infantil con Mago Deimi (10.30h), seguido dun espectáculo familiar con Patri Zenner e o seu show “A maxia da natureza” (12.30h), ambas na Igrexa da Madalena. A gran gala de maxia terá lugar ás 19:00 no auditorio, con Víctor Cerro, Patri Zenner e José Rivera, presentada por Pablo Estévez. O día rematará con sesións de “Maxia Golfa”, para adultos, da man de Magos de Garda primeiro no Garden (21.30h) e logo no Berlin 2.0. (00.15h), espectáculos recomendados para maiores de 18 anos.
O domingo 20, a programación pecha cunha conferencia de Jon Zabal baixo o título de “Mentalismo” na Igrexa da Madalena e pensada para os propios magos, que terá inicio ás 10.30h. Para participar na mesma é necesario entrada que pode adquirirse anticipadamente. O mesmo ocorre co Cocido Máxico que pechará as actividades máxicas da Semana Santa Ribadaviense, ao que só están convidados os magos e que se celebrará no Restaurante Plaza, con reserva previa obrigatoria.
Durante todo o festival tamén haberá un fotocall máxico, onde o público poderá facerse fotos. Os Magos de Garda, que animarán as rúas cos seus xogos, levarán un meco máxico na camiseta indicando que son as meigas e os bruxos de garda e, que quen se achegue a eles, poderán pedirlles maxia e serán abraiados polos seus xogos.
Ribadavia tamén terá unha ampla programación relixiosa
A Semana Santa de Ribadavia, organizada pola Parroquia de Santo Domingo de Ribadavia e a Cofradía da Nosa Señora do Portal, mantén viva a tradición relixiosa cunha ampla programación litúrxica que dá comezo o Domingo de Ramos (13 de abril) coa Santa Misa na Igrexa de San Xoán (9.30h). A Bendición de Ramos e a procesión, na Praza de San Xoán, terá lugar ás 11.30h. Media hora despois, ás 12.00h, celebrarase a Santa Misa na Igrexa de San Domingos.
Os actos relixiosos continuarán o Xoves Santo (17 de abril) comezando coa Celebración Penitencial na Igrexa de San Francisco ás 11.00h. Xa pola tarde, ás 18.30h, terá lugar a Cea do Señor na Igrexa de San Domingos e, pola noite, un dos principais actos da semana santa ribadaviense: a Procesión dos Caladiños, que sairá dende a Igrexa de Santiago ás 21.00h. Ás 22.00h, o xoves santo pecharase coa Hora Santa na Capela da Nosa Señora Virxe do Portal.
O Venres Santo (18 de abril) as celebración litúrxicas comezarán co Santo Encontro na Praza Maior de Ribadavia ás 11.30h. Pola tarde, a Paixón do Señor conmemorarase na Igrexa de San Domingos ás 18.30h, finalizando o día, ás 19.30h, coa Procesión do Santo Enterro, con saída dende o mesmo lugar.
O Sábado Santo (19 de abril) a Igrexa de San Domingos acollerá, ás 22.00h, a Solemne Vixilia Pascual e, o Domingo de Pascua, poñendo fin ós actos relixiosos, celebrarase ás 11.00h a Santa Misa na Igrexa de San Francisco e, unha hora máis tarde, ás 12.00h, na Igrexa de San Domingos.
Cultura e historia ao aire libre
Durante toda a Semana Santa, a Praza Buxán acolle a exposición “Cincuenta anos da Casa de Rosalía”, un percorrido pola traxectoria e o legado da autora galega máis internacional. Tamén haberá visitas guiadas ao Castelo dos Condes, con aforo limitado a 30 persoas e un custo de 3,50 euros por persoa. As visitas terán lugar os días 15 e 16 ás 13:00 horas, e os días 19 e 20 ás 13:00 e ás 18:30 h, por orde de chegada.
Forte aposta pola conciliación nestas datas festivas
Ribadavia tamén aposta pola conciliación familiar nestas datas co programa “Concilia na Pascua”, destinado a nenos e nenas de entre 3 e 14 anos durante os días 14, 15, 16 e 21 de abril. As familias empadroadas, numerosas, monoparentais, con segundo irmán ou con fillos con discapacidade poderán beneficiarse de importantes descontos. A isto súmase o Campamento Dixital para nenos e nenas de 9 a 13 anos, que se desenvolverá os días 14, 15 e 16, cunha proposta lúdico-formativa centrada nas novas tecnoloxías.