Autónomos e microempresas poden solicitar dende hoxe as axudas do 2º Plan de Rescate da Xunta

17,00 h.- A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participará co Clúster de Turismo nun webinario informativo acerca das axudas do Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector hostaleiro. foto xoán crespo 26/11/2020

As persoas traballadoras autónomas e microempresas poden solicitar as axudas do 2º Plan de Rescate da Xunta dende a xornada de hoxe. A orde de axudas dirixida aos establecementos hostaleiros e outros negocios pechados desde xaneiro -como ximnasios ou parques infantís-, publicarase no DOG o próximo luns.

O segundo Plan de Rescate da Xunta está dotado con 75 millóns de euros, dos que 60 millóns corresponden á convocatoria publicada hoxe, e 15 millóns á liña específica destinada á hostalaría e negocios pechados.

AVANTAR ACTIVIDADES

Todas as axudas son complementarias e acumulables ata un máximo de 15.700  euros por negocio. O prazo desta solicitudes será dun mes. Para acceder ás axudas deberán acreditar baixadas de facturación en 2020 de polo menos o 45% fronte aos datos de 2019.

En global, a Xunta porá a disposición dos sectores máis afectados pola pandemia 75 millóns de euros que se suman aos 86,2 millóns do primeiro Plan. Lorenzana, deste xeito, indicou que o Goberno galego mobilizou en catro meses, máis de 161 millóns.

Como novidade, o Goberno galego, por mor da situación económica da covid-19, e como excepción, permitirá que poidan acceder ás axudas as empresarias e empresarios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas (tributarias ou coa Seguridade Social). Nestes casos, a débeda non poderá superar o 80% da axuda a percibir e as persoas beneficiarias deben comprometerse a saldalas e  comunicalo no prazo de quince días. Os empresarios que estean ao corrente, percibirán a totalidade da axuda nun único pago. Deste xeito, a Xunta responde ás peticións formuladas polos diferentes sectores afectados. Trátase dunha medida excepcional tendo en conta a situación actual, que facilita o acceso ás axudas públicas a negocios con pequenas débedas coa Administración, sen prexuízo de que teñan que cumprir coas súas obrigas tributarias e coa seguridade social.

Os empresarios que teñan dúbidas teñen a súa disposición a aplicación móbil (app) Gohu, a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es , diversos canles a través dos que a Consellería de Emprego e Igualdade está a informar das novidades do Plan. Ademais, as bases da convocatoria poden consultarse a través da web do departamento autonómico: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/plan-de-rescate.