
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e a directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, asinaron hoxe por vía telemática un convenio de colaboración que ten como obxectivo a participación nas actividades da EGAP do persoal dependente da Deputación de Ourense e das demais entidades locais da provincia de Ourense, así como a colaboración e o desenvolvemento conxunto de actividades de carácter formativo, divulgador e investigador.
As modalidades de colaboración poderán consistir na realización de cursos, xornadas, seminarios e outras actividades de divulgación; na edición conxunta de libros, outras publicacións e documentos de traballo; na promoción da actividade investigadora de ambas as dúas institucións mediante proxectos de investigación conxuntos, e na participación nas actividades da EGAP do persoal dependente da Deputación de Ourense.