O BNG demanda que Deputación reclame o aumento de maquinistas ferroviarios e a recuperación das liñas de tren suprimidas.

A redución de persoal, xunto a supresión de liñas e recortes de servizos agrava a xa deteriorada calidade e seguranza ferroviaria galega e ourensá.

Publicidade

 A parte máis visíbel do deterioro ferroviario son as liñas que son eliminadas ou alteradas e as escasas e inadecuadas frecuencias, di Varela, o voceiro nacionalista no ente provincial de Ourense. Para o BNG unha parte importante do deterioro dos servizos ofrecidos corresponde en última instancia á falta de  persoal,  sobre todo de persoal para a condución de trens. “A falta   de maquinistas está detrás da supresión de moitos trens”, declara Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial.

 O voceiro nacionalista indica que “Galiza necesitaría incrementar o seu cadro de persoal de maquinistas en cando menos 21 prazas, das cales non menos 12 sería necesario localizar en Ourense.” O número de axentes foi en descenso durante os últimos anos, véndose esta situación agravada desde finais de 2018. Desde 2019 canceláronse máis de 130 trens por falta de persoal nas liñas. E cada ano suspéndense  máis de 60 trens porque non hai maquinistas e mesmo pasa agora que se están pechando liñas.  “Se maña acabase a pandemia, non habería capacidade para restaurar as liñas por falta de persoal”, sinala Varela.

Neste sentido, é importante lembrar que o goberno do Estado aproveitou a crise da covid-19 para eliminar servizos que non foron aínda repostos.  E por outro lado as actuacións do Grupo Renfe e ADIF estanse encamiñando a impedir ou obstaculizar novas incorporacións, incumprindo o Plan de Emprego dos anos 2020 e 2021 que se recollen no II Convenio Colectivo do Grupo Renfe, publicado no BOE do 13 de xuño de 2019. Todo isto deriva en problemas importantes de organización laboral das e dos traballadores e ten consecuencias no servizo. Tal e como manifesta o voceiro nacionalista,  nun momento no que a prevención sanitaria convidaría a aumentar o número de servizos e de vagóns, a política ferroviaria foi na dirección contraria”. 

Por estas razón o grupo provincial do BNG leva ao pleno provincial deste mes a  proposta de instar ao goberno do Estado a inmediata corrección do incumprimento do Plan de Emprego para os anos 2020 e 2021 e o aumento de cando menos 21 prazas de maquinistas en Galiza para garantir as condicións laborais do cadro de persoal e evitar novas supresións de servizos  así como garantir a recuperación daquelas liñas suprimidas coa desculpa da covid-19.

Traslado da estación de mercancías de Ourense ao Polígono Industrial de San Cibrao Das Viñas


 Bernardo Varela, xa indicou que o Bloque Nacionalista Galego tamén proporá ao pleno provincial deste mes de febreiro,  instar ao goberno do Estado a que a estación de mercancías de Ourense, actualmente na Estación Empalme, sexa trasladada ao Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, tal e como demandan os empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.

“Isto permitirá liberar uns 140.000 metros cadrados que ocupa actualmente a zona de mercancías da Estación Empalme na capitalidade provincial, e á vez optimizar o funcionamento deste tipo de transporte ao situala nunha ubicación onde se move o 90% das mercadorías de Ourense”