Fabiola García destacou o traballo das entidades de inclusión social

Publicidade

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou o traballo realizado polas entidades de inclusión social de Galicia durante a emerxencia sanitaria provocada pola covid-19. Fíxoo durante unha visita realizada esta mañá á sede de Cáritas Lugo, onde puxo en valor o esforzo realizado por esta entidade na cidade amurallada e onde reiterou o apoio do Goberno galego para seguir poñendo en marcha os seus proxectos e iniciativas.

Durante a visita, a conselleira puido coñecer os obradoiros e programas de formación que ofrecen ás persoas en risco de exclusión social para mellorar a súa empregabilidade. Mostra disto son os cursos de formación para persoal de limpeza, melloras de competencias clave ou cursos de informática virtual. Proxectos que seguiron impulsando durante os últimos meses.

Por outro lado, Fabiola García agradeceu a Cáritas Lugo o reforzo que fixeron durante este tempo de pandemia atendendo chamadas telefónicas de persoas que precisaban axuda ou asesoramento, así como repartindo comida naqueles fogares nos que a medidas preventivas do confinamento lles impedía saír da casa para realizar a compra. Iniciativas, sinalou, que amosan a súa vocación de axudar e que a converten nunha entidade de referencia.

Neste sentido, fixo fincapé en que xestos coma este demostran que as administracións deben apoiarse nas entidades sociais para lograr unha sociedade máis xusta e igualitaria, xa que son elas as que traballan cada día a pé de campo e mellor coñecen as necesidades dos colectivos máis vulnerables.