Emilio González pon en marcha duas equipas na loita contra a ciberdelincuencia

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presentou hoxe os novos Equipos @ da Garda Civil na provincia de Ourense, especializados na loita contra a ciberdelincuencia. Así o fixo durante a visita que realizou esta mañá á Comandancia da Garda Civil en Ourense, na que estivo acompañado polo tenente coronel xefe accidental, Indalecio Linares; polo comandante terceiro xefe, José Benito Fernández; e polo capitán de Policía Xudicial, Jaime González.

O subdelegado do Goberno explicou que os Equipos @ están enmarcados dentro do Plan Estratéxico contra a cibercriminalidade do Ministerio do Interior, creado para previr e perseguir este tipo de delincuencia, garantindo así a seguridade e a protección dos dereitos e liberdades dos usuarios no ciberespazo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Emilio González sinalou que na provincia operan dous destes equipos na Comandancia de Ourense, o Equipo @Ourense e o Equipo @Santamariña, que contan con sete efectivos especializados na loita contra a ciberdelincuencia. Forman parte dos 84 equipos postos en marcha en toda España e que integran un total de 304 axentes da Garda Civil.

Trátase de equipos funcionais encargados de reforzar a resposta en materia de  cibercriminalidade, en particular ante estafas na rede. Así mesmo, constitúen o primeiro nivel de resposta específica á ciberdelincuencia, apoiando ás unidades territoriais que se atopan orientadas á cidadanía, realizando un primeiro tratamento deste tipo de delitos, apoiando á Policía Xudicial específica mediante a análise dos  ciberdelitos e potenciando a interlocución de calidade coas vítimas.

Emilio González sinalou que nos últimos 5 anos, e máis desde o inicio da crise sanitaria producida pola Covid-19, “a cibercriminalidade incrementouse de maneira significativa, especialmente en paralelo ao incremento de actividades relacionadas co comercio electrónico”. En concreto, subliñou que durante o ano 2021 a ciberdelincuencia aumentou na provincia de Ourense no ámbito da Garda Civil un 41,4%, xa que se rexistraron 761 infraccións penais telemáticas, mentres que no ano 2020 foron 538. 

Neste sentido, o subdelegado do Goberno sinalou que “a creación dos Equipos @ é un paso moi importante que dá o Ministerio do Interior na loita pola seguridade no ciberespazo e unha mostra da implicación das forzas de seguridade para garantir a protección da cidadanía ante novas formas de delincuencia”.