Historias do Carballiño: do canteiro de Aguasantas ata ás cañas do Cerviño(1)

Xulio Álvarez Crespo Biólogo e ex-docente

Cando iniciei esta andaina de historias do Carballiño, propúxenme pouco a pouco falar de personaxes ou familias ligadas á vida desta vila que, a través dos tempos, deixaron dun ou doutro xeito a súa “herdanza” a nivel social. Primeiro foron os Cela, agora é a quenda dos Cerviño.

AVANTAR ACTIVIDADES

Reparei na familia Cerviño pola súa dedicación comercial na confeitaría que aínda hoxe rexenta, tendo como produto estrela as cañas fritidas, coñecidas a nivel estatal e incluso internacional, así coma pola miña amizade con algúns dos Cerviño.

A historia que eu decidira contar, centrada na pastelaría, cambiou radicalmente ao indagar e recibir información, ao consultar diversas publicacións e recoller datos sobre os Cerviño e a súa historia.

As orixes dos Cerviño atópanse en Cotobade, terra de canteiros; concretamente na parroquia de Aguasantas, na que no ano de 1848 nace José Cerviño García, avó de Luís e Alfonso Cerviño (o Chafallas).

Aínda cando en diversas publicacións se establece un debate sobre a autoría de varias obras de cantaría para asignarllas a Ignacio Cerviño Quinteiro, a un outro José Cerviño García (alcumado “Pepe da Pena”) ou ao noso José Cerviño García, nós non imos entrar na “liorta”: só nos interesa seguir a pista do devanceiro dos Cerviño do Carballiño. Contamos esta parte da historia no presente texto por dárense certas casualidades de interese para os posibles lectores e porque nos parece cando menos singular.

Ignacio Cerviño Quinteiro nace no ano 1834 no Peroselo, en Santa María de Aguasantas, concello de Cotobade, hoxe fusionado co de Cerdedo. José Cerviño García, de alcume Pepe da Pena, nace no 1843, e José Cerviño García, no 1848; ambos tamén en Aguasantas. Velaquí a primeira coincidencia: todos eles dunha terra única coñecida pola cantaría e os seus afamados canteiros, segundo contan as crónicas dende o ano de 1600.

No libro Terra de Cotobade, relátase a importancia dos canteiros e de como estes, dado que as obras da comarca non chegaban para a numerosa man de obra existente, se espallaron no seu traballo cara a Pontevedra (Tui, Mondariz, Padrón), Ferrol, Ourense (Ribadavia, Celanova, Carballiño), Castela e Portugal (Braga, Guimarães, Barcelos), por citar algúns destinos.

De José Cerviño García, o alcumado Pepe da Pena, fillo lexítimo de Manuel e Rosalía, nado na aldea da Pena (pertencente á parroquia de Augasantas), cómpre dicir que non ten relación algunha coa familia Cerviño do Carballiño.

Centrémonos pois no outro José Cerviño García, nado no 1848 e fillo lexítimo de Manuel Cerviño e Teresa García. É este o primeiro elo que fixamos na seguinte árbore xenealóxica, construída para chegarmos á familia Cerviño do Carballiño .

José Cerviño García chega ás terras do Avia e concretamente a San Clodio co seu irmán Pedro. Ámbolos dous participan na construción da ponte da Esperela, baixo a dirección de D. Xosé Durán, natural da parroquia de Santiago das Antas (A Lama-Pontevedra) e do contratista Emilio Canda (de Santiago). José e Pedro hospédanse no Mesón do Pardo, San Clodio, onde coñecen as fillas do pousadeiro. O 3 de maio de 1874, José Cerviño García, de 26 anos, casa con Purificación Pardo (filla de Ramón Pardo e Francisca González). Pedro Cerviño García casará con Avelina Pardo, irmá de Purificación.

Entre as posibles obras nas que traballaron os irmáns  José e Pedro Cerviño García atopámonos coas seguintes:

Fotografía: Xulio Alvarez Outono de 2020

A ponte da Esperela ou ponte nova de Leiro. A primeira pedra colócase no 19 de setembro de 1873, e no 9 de outubro de 1874 péchase o último dos cinco arcos. Remátase o 9 de xullo de 1875

Fotografía Xulio Álvarez

Panteón no cemiterio de Señorín (Carballiño). Nel atópanse entre outros os nichos de :

Perfectino Vieitez Rodríguez (1854-1940). Despois do seu regreso da emigración, convertido en rico indiano, estableceu estreitas relacións coa aristocracia da época e foi ilustre benfeitor e mecenas na comarca e na provincia.

Aurelio Miras Azor (1912-2003) e a súa dona Esperanza Portugal Careaga (1923-2015). Para nós, persoas entrañables. O primeiro por ser o noso profesor de Historia nos anos do Corral, o Colexio Isabel la Católica. A súa dona porque moitas veces, cando nenos e non tan nenos, subiamos a xogar na súa casa co fillo e amigo Xan Antonio Miras Portugal.

Perfectino Vieitez Rodríguez (1929-2008), Tino. Entrañable para nós tamén por rexentar o café bar O Caserío, onde o meu avó Serafín desfrutaba da partida co seu amigo o Sr. Ramón da Carreira.

Lembranzas da infancia e da mocidade.

Fotografía; Xulio Álvarez

Casa dos balcóns. Situada na rúa Rosalía de Castro, desde sempre coñecida como a Rúa Principal do Carballiño, trátase dunha importante obra de cantaría en granito. Nalgúns textos saliéntase da construción o seu gran número de balcóns, que, se somos exactos contándoos, nos dan un total de 12 na fachada da rúa Rosalía de Castro, 24 na rúa José Cendón Míllara (contando os seis da planta baixa) e 20 (incluídos os cinco da planta baixa) na fachada que dá á rúa Perfectino Viéitez. Así pois, tendo en conta todos daríanos un total de 56; e se desbotamos os das plantas baixas, por non consideralos propiamente balcóns, teriamos un total de 45. Facilitamos estes datos de reconto in situ porque para nada coinciden cos apuntados nalgunhas publicacións consultadas. Ademais, chama a atención a fachada doutra construción lindeira coa casa na rúa Perfectino Viéitez que ten 20 balcóns co mesmo deseño e construción.

Fotografía; Xulio Álvarez

Mausoleo da familia Cela Corral. Camposanto de Señorín (Carballiño) 1897.

Estanislao Fernández de la Cigoña adxudícallo a Ignacio Cerviño Quinteiro pola semellanza con outros da súa autoría. Concretamente marca a súa semellanza cun panteón existente no Cemiterio de Pías, Ponteareas. Ea maiores decir que o mausoleo de Señorin sería a única obra do dito autor fóra de Pontevedra.

Preguntámonos se a semellanza das obras, e sendo esta a única feita fóra da provincia e dado que nos situamos no ano 1897 (no cal os desprazamentos non serian moi doados), serán argumentos  suficientes  para  outorgarlle  a autoría, tendo doutra parte un canteiro tan próximo como José Cerviño García.

José Cerviño García morre no asilo do Carballiño o 7 de febreiro de 1930, á idade de 82 anos. Entre a descendencia, prolífica, de Xosé Cerviño García e Purificación Pardo, atopámonos  con  Modesto  Cerviño  Pardo.  Con  el  poderiamos  dicir  que  remata  a historia da cantaría e iníciase a historia dos doces, mais iso, e nunca mellor dito, será fariña doutro capítulo.

Por hoxe máis nada. Obrigado pola vosa atención.

Para máis saber:

    As Cruces de Pedra na Galiza. Alfonso R. Castelao. Edicións AKAL, 1990.

    “A pegada de José Cerviño García nas bisbarras do Ribeiro e o Carballiño”. Celsa

González Hermida. Actas do IV congreso Galego de cruceiros. Lugo, 17/18 de

Novembro de 1912. Asociación de amigos dos cruceiros cruces de pedra e petos de animas. Edita Asociación galega para a Cultura e a Ecoloxía.

    Caderno  de  presentación  do  libro  Nomes  do  Ribeiro,  de  Frutos  Fernández

González. Casa da Cultura do Carballiño, 28 de decembro de 2007.

    Cerviño contra Cerviño. Estanislao Fernández de la Cigoña. Colección Historia e Etnografía Galegas, vol. LXIII. Asociación Galega para a cultura e a ecoloxía (AGCE). Editorial AGCE, S. L., 2013.

    Terra  de  Cotobade.  Xosé  Fortes  Bouzán.  Germán  Fortes.  Serafín  Fontenla.

Editorial Guiverny.

—————————————————————————————————

Outros ARTIGOS de Xulio Álvarez Crespo:

SERIE SOBRE HISTORIA DO CARBALLIÑO

Historias do Carballiño: ” Os Cela e o beato Juan Jacobo Fernández “

Historias do Carballiño

SERIE SOBRE MEDIO AMBIENTE

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso “

Artigo : Medio Ambiente: Pasado, Presente e Futuro

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (1)

Artigo : Medio Ambiente: O Noso Compromiso. Recollida (2): A Vila do Carballiño “

Artigo : ” Medio ambiente : O Noso Compromiso. Reducir e Reutilizar “

Artigo : MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. coronavirus e xestión de refugallos

Artigo : “ MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Vertedoiros

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Incineración

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos: Reciclaxe e compostaxe

Artigo : ” MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO Como construír unha composteira e como facer o noso compost “

Artigo : “MEDIO AMBIENTE: O NOSO COMPROMISO. Xestión dos refugallos. Reciclaxe: un mundo posíbel