O BNG inicia a presentación de mocións nos concellos afectados a prol da protección e o desenvolvemento sustentábel da serra do Suído

IES CHAMOSO LAMAS

Desde a formación nacionalista, advirten que nos últimos meses, a Xunta de Galiza está a tramitar 16 parques eólicos na Serra do Suído, no Alto Tea e no Faro de Avión e cuio proceso de tramitación estase desenvolvendo con falta de transparencia e con graves limitacións ao dereito de información e participación pública

A serra do Suído forma parte do sur da Dorsal Galega, un sistema montañoso que se estende de norte a sur de Galiza e que na provincia de Pontevedra está conformado polas serras do Candán, O Cando, O Testeiro, O Faro de Avión e O Suido. O Suído esténdese por polos concellos de A Lama, Avión, Beariz, Covelo, Fornelos e Mondariz ao longo de 492 km2, configurando un espazo con identidade propia, con unha historia común e con unha grande riqueza natural e cultural.

HIPER MASIDE

A ubicación próxima á costa e as altitudes de máis de 1.000 metros fan que esteamos ante unha das serras de maior pluviosidade de toda a península ibérica, con máis de 2.400 mm de precipitación media anual. Os ríos que nacen na serra, o Tea, o Avia e o Verdugo-Oitavén son dos mellor conservados da demarcación Galiza-Costa, tanto pola calidade das augas, pola boa conservación das ribeiras e pola variedade de flora e fauna.

A orografía, o clima, a paisaxe, a historia fan da serra do Suído un espazo de extraordinarios valores ambientais, culturais e sociais que é necesario preservar e dinamizar no seu conxunto, prevendo impactos que alteren os equilibrios e fomentando actividades sustentábeis e creadoras de valor engadido.

Todo este rico patrimonio cultural e natural viuse mermado e sometido a múltiples agresións, que se poden agravar de maneira irreparábel debido a proliferación de proxectos mineiros e de parques eólicos.

Nos últimos meses, a Xunta de Galiza está a tramitar 16 parques eólicos na Serra do Suído, no Alto Tea e no Faro de Avión. O proceso de tramitación destes parques estase desenvolvendo con falta de transparencia e con graves limitacións ao dereito de información e participación pública, debido ás restriccións derivadas da pandemia.

Por outra banda, o proceso adoece de irregularidades en relación coa avaliación de impacto ambiental, xa que non se están considerando os impactos conxuntos de todas as infraestruturas e na práctica estase consumando unha fraude de lei ao fragmentar parques que comparten infraestruturas en unidades máis pequenas, un procedemento fraudulento que xa foi obxecto de sentenzas condenatorias polos tribunais de xustiza.

Desde o BNG advirten que xa no ano 2008 e atendendo a moitas destas razóns, paralizáronse proxectos de construción de parques eólicos como é o caso do PE Bidueiros, un antecedente que se debe ter en conta na tramitación dos actuais parques. Precisamente un dos que se están a tramitar na actualidade é o que foi denegado en 2008.

Para a formación nacionalista aínda estamos a tempo de frear esta xigantesca desfeita, que responde a intereses alleos e non ás necesidades dos concellos e da súa veciñanza. Calquera planificación do desenvolvemento de enerxías renovábeis debe facerse contando coa participación dos concellos e a veciñanza, debe respectar os valores ambientais e culturais do territorio, debería ter como contrapartida o abaratamento do prezo da enerxía eléctrica e debería ter como principais beneficiarias as comunidades locais.

Co obxecto de levar a cabo un modelo económico e social que responda aos intereses colectivos, co fin de preservar os valores ambientais, culturais, sociais e de garantir o desenvolvemento sustentábel do territorio e da veciñanza do Suído e Alto Tea, o BNG a través dos diferentes Grupos Municipais nos concellos afectados, presentará unha serie de iniciativas nas que se lle demanda á Xunta de Galiza:

1. A paralización cautelar de todos os parques éolicos en proxecto ou en tramitación, co obxecto de evitar os graves impactos negativos na contorna e o risco de destrución irreversíbel de hábitas de interese prioritario da serra do Suído e do Alto Tea.

2. A apertura dun proceso de información e de participación que permita coñecer os proxectos de industrialización do monte que se están a tramitar e o seu impacto ambiental, social e urbanístico, así como a declaración da serra do Suído como Lugar de Interese Comunitario (LIC) e a integración na Rede Natura 2000, co obxecto de protexer e conservar especies e hábitats de interese comunitario e de interese prioritario, con especia atención a humidais e turbeiras.

3. A ampliación da Rede Natura 2000 Río Tea coa inclusión do Alto Tea (Val de Tielas). A declaración como Reservas naturais fluviais das nacentes e das bacías dos ríos Avia, Tea, Oitavén e Verdugo, coa finalidade de garantir as súas funcións de preservación da biodiversidade, de conectores ecolóxicos entre zonas xeográficas e de subministradores de auga potábel e o inventario e catalogación de todo o patrimonio material e inmaterial do Suído, Alto Tea, Faro de Avión, Costas do Alén e A Paradanta, e desenvolvemento dun plan para a súa protección, conservación e divulgación.

4. Iniciar un proceso de participación social para a elaboración dun Plan de dinamización e desenvolvemento sustentábel do Suído e Alto Tea, con unha previsión de investimentos plurianuais por parte das administracións local, provincial e autonómica.

PUBLICIDADE