Aseguran que as mocións foron presentadas en tempo e forma tres delas pola vía ordinaria e unha pola vía de urxencia e afirman que o rexedor non as incluíu na orde do día do Pleno. Segundo o seu portavoz, a resposta do alcalde para non levalas a pleno é porque o concello non ten competencias para executalas.
A primeira das mocións solicitaba que se cubra a praza de facultativo, no momento que se quede vacante tanto por baixa laboral, vacacións ou xubilación. Outra das mocións tiña que ver coa problemática das traballadoras do SAF, pedindo melloras nas súas condicións laborais. A terceira das mocións era unha petición para que se realizase un cribado logo do gran brote que sufriron no pasado mes.
E por último unha moción con motivo do día internacional das mulleres que se celebra este próximo dia 8 de marzo, pedindo impulsar e reforzar o marco normativo municipal para que se introduza a perspectiva de xénero en tódalas políticas levadas a cabo dende o Concello.