O pasado luns, Sanidade establecía tres niveis de desescalada das medidas restritivas. As medidas entrarán en vigor esta mesma mañá. O nivel tres, será o que se aplique en 189 concellos galegos, entre eles a maioría da provincia de Ourense. Na comarca do Carballiño, o único que supera os 500 casos por 100.000 habitantes é o concello de Punxín, e no Ribeiro, Beade. Estes concellos alixeiraron as medidas pero en menor medida, pasando a nivel dous.
Así, a maioría dos concellos recuperaron as reunións de ata catro non conviventes, a mobilidade entre concellos, e as instalacións deportivas coma ximnasios.
A hostalaría tamén recupera a súa actividade, cun 30% de aforo interior e un 50% exterior. A hostalaría conta cun plan de apertura seguro. Os locais teñen obrigado a colocación dun cartel no que indiquen o aforo permitido nesta situación e o aforo en condicións normais. Para o rexistro de clientes, o local pode obter un código QR que deberá instalar de xeito visible, pero que aínda non está dispoñible. Os usuarios, mediante a aplicación PassCovid tamén poden rexistrar a súa visita, para axudar a detectar brotes e contactos. Para os que non conten con esta aplicación, os locais disporán dun código personalizado de rexistro. Este requisito estará dispoñible a partir do 5 de marzo.
Os hostaleiros amosáronse hoxe ilusionados de poder reabrir os seus negocios, pero tamén con medo a un novo peche.