Nota de Espazo Común explicando o seu voto en contra dos orzamentos por absurdos

Espazo Común vota en contra duns orzamentos absurdos, fotocopiados dos do ano pasado e que ignoran a existencia dunha pandemia.

A partida de festexos, favorita deste goberno, segue sendo unha das máis elevadas con 218.000 €.

AVANTAR ACTIVIDADES

Sen embargo, non hai nin un só euro para axudas a comerciantes, hostaleiros ou autónomos.

Onte, xoves 25, tivo lugar o pleno de aprobación inicial dos orzamentos do Concello do Carballiño. E como non podía ser doutro xeito, deixou de novo a imaxe dun goberno totalmente alleo aos verdadeiros problemas sociais desta vila.

Os discursos dos membros do PSOE, co alcalde á cabeza e secundados, en certa medida, por algún outro partido, levaban xa días preparando o terreo para convencer á cidadanía de que o que sempre foi o pleno máis importante do ano, era, nesta ocasión, un mero trámite.

“Son uns orzamentos para aprobar gasto corrente, o importante vai ser o remanente” foi un mantra repetido en varias ocasións.

Non é moi serio tentar dar esa imaxe dun pleno que leva a decidir a utilización de 9.800.000 € e que, aínda quitando as partidas de gasto comprometido para a prestación dos diferentes servizos, deixa máis de 2.000.000 de € para que o goberno dispoña libremente, como demostrou o noso voceiro Adolfo Nogueira.

Incriblemente, a proposta feita foi case un calco dos orzamentos do ano pasado. O de facer fotocopias comeza a ser xa rutina neste Concello.

Só dúas partidas das 226 fan referencia á COVID-19. No resto, semella que non estivera a acontecer nada.

Así, nun comportamento que bordea o delirio, o goberno que se ofende cando os tildan de comisión de festas, pensa adicar a este capítulo, o de festexos, 218.000 € no 2021.

Ao mesmo tempo, non hai unha soa partida de axudas a autónomos, comerciantes e hostaleiros que, segundo o criterio de Fumega e o seu equipo poden seguir agardando e teñen menos urxencia que a contratación de orquestas e charangas.

“Nós non sabemos se vai haber festas estas ano, pero sí sabemos que hai moita xente pasandoo mal” manifestou Adolfo Nogueira.

Mantense tamén a tónica de outorgar subvencións a dedo. Uns 385.000 € adicados a este capítulo, nun ano no que resulta aínda moi difícil predicir as actividades que se van a poder desenvolver e as que non.

En todo caso, este goberno sempre atopa o xeito de sorprender porque, nun exercizo máis de funanbulismo político, na meirande parte dos casos, nin tan siquera se puxeron en contacto cos propios colectivos.

Por outra banda, as partidas de Política Social e as de Medio Rural padeceron severos recurtes coa desaparición, por exemplo, da partida de Atención ás Persoas Maiores ou importantes reduccións nas de Emerxencia Social ou Axuda a Familiares de Enfermos de Alzheimer.

Iso sí, o capítulo adicado ao Persoal segue subindo, incluíndo nel os soldos do goberno máis caro da historia que custa á veciñanza do Carballiño máis de 120.000 € ao ano para organizar festas, facer fotocopias e asfaltar algunha rúa de cando en vez.