O Psoe esixe explicacións públicas o PP sobre o retraso na apertura termal

O PSdeG-PSOE esixe que o Partido Popular dea explicacións públicas sobre os motivos do retraso na reapertura da oferta pública termal, logo de que a concelleira da área de Termalismo, Flora Moure, declarara esta mañá que o executivo local pretende solicitar á Xunta de Galicia un permiso para abrir temporalmente os recintos termais mentres as consellarías resolven os expedientes para a adaptación á nova lei autonómica de aproveitamento lúdico das augas, un cambio lexislativo “perpetrado polo propio Partido Popular de costas á cidade” e que supón “o desmantelamento do termalismo en Ourense”.

“O Partido Popular de Ourense vén de recoñecer que fixo unha chapuza legal ao mudar a normativa autonómica e agora ten que arranxar un problema que eles mesmos ocasionaron” aseguran os socialistas. “É máis, a propia concelleira di que veñen de pedir á Xunta exencións a cuestións de obrigado cumprimento que, segundo o Concello, non se poden levar a cabo no caso de Ourense. Con que con máis atentados vai o PP destrozar Ourense?”, inquiren os socialistas.

Así as cousas, dende o grupo municipal socialista tachan de “atrevemento” e “ninguneo á veciñanza” que Moure cualifique de “éxito” a posible reapertura dos recintos, e salientan que “o éxito sería non telos pechado, como aconteceu no resto de vilas termais galegas” ao tempo que lamentan que o termalismo permanecese “clausurado e abandonado pola neglixencia do Partido Popular” durante un verán no que Ourense rexistrou o máximo histórico de visitantes e turistas da súa historia.

Publicidade Premer na Imaxe

“Se era posible unha solución temporal para reabrir as termas de xeito inmediato, por que non se fixo antes? Por que tardaron catro meses, dende a súa volta ao bigoberno con Jácome, en tomar esta decisión? Parécenos inxustificable que non se executaran medidas antes se cabía esa posibilidade” censuran os socialistas de Ourense.

“Despois de levar a cabo a aprobación dunha norma claramente lesiva para os intereses de Ourense, que fai xaque mate ao turismo termal en pleno Xacobeo e na antesala da chegada do AVE á cidade, o Partido Popular de Ourense recoñece tarde e mal que existe unha solución temporal ao problema que eles mesmos crearon”, conclúen.