A Poza das Ras manterá viva a memoria dos catro republicanos asasinados en Verea en agosto de 1936

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Medio cento de persoas renderon hoxe, xunto ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Concello de Verea, unha homenaxe a Julio González Álvarez, de 25 anos, natural de Verea e mestre en Gontán (Verea); Amadeo López Bello, de 32 anos, natural de Carballeda de Avia e mestre en Beiro (Carballeda de Avia); Silvio Torres Díaz, de 23 anos, natural de Ourense, chofer de profesión e veciño do Couto (Ourense); e Eloy Romero Luis, de 28 anos, natural de Vilardevós e farmacéutico en Leiro, asasinados no lugar coñecido como A Poza das Ras, o 29 de agosto de 1936, vítimas da represión fascista.

“Xunto ás familias e xunto ao Concello de Verea celebramos esta homenaxe en memoria de Amadelo, Eloy, Julio e Silvio, que loitaron polas liberdades, polo cambio social e pola dignidade dos homes e mulleres deste país”, dixo na súa intervención Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité, e subliñou que “esta homenaxe ten un precedente no acto que celebrou no ano 2009 o colectivo Arraianos, e ten o seu fundamento nas investigacións de xente como o médico David Simón e o historiador Mateo Martínez, e ábrese cara o futuro coa iniciativa do Concello de Verea de impulsar a declaración da Poza das Ras como lugar de Memoria”.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Pola súa banda, José Antonio Valado, alcalde de Verea, anunciou que xa se iniciaron os trámites da solicitude, ao Ministerio da Presidencia e ao abeiro da Lei estatal 20/2022, da declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria.

Estiveron presentes familiares de Julio González, Eloy Romero e Silvio Torres, mentres a familia de Amadeo López desculpou a súa presenza por un compromiso anterior. Precisamente unha das familiares de Julio González, despois de agradecer a homenaxe, reclamou manter viva a memoria daquelas vítimas neste espazo e, persoalmente, a mantela viva no desenvolvemento da súa futura profesión de mestra.

Veciñas de Verea e de Celanova, e representantes dos Amigos da República, entre eles Manuel e Gonzalo Sueiro, e do Comité de Memória Histórica do Val do Límia participaron no acto.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------