O Psdeg-Psoe de Ourense reitera a súa negativa ao peche do centro de operación de cuenca de Iberdrola e a perda de postos de traballo no concello ourensá de a Rúa

Os socialistas impulsan unha declaración institucional na Deputación de Ourense e presentan iniciativas no Parlamento de Galicia para esixirlle a Xunta que medie coa empresa para evitar esta “grave perda” para A Rúa e a comarca de Valdeorras

O PSdeG-PSOE de Ourense segue a loita contra o peche do Centro de Operación de Cuenca (COC) que a empresa Iberdrola ten na localidade ourensá da Rúa. Os socialistas opóñense ao peche e están presentando diversas iniciativas para defender estes postos de traballo no municipio valdeorrés, como son a declaración institucional que impulsarán no pleno de mañá na Deputación de Ourense ou as iniciativas presentadas polos deputados e deputadas autonómicos no Parlamento de Galicia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas compareceron esta mañá en rolda de prensa na sede do PSdeG-PSOE de A Rúa, para manifestar “unha vez máis” a súa negativa ao peche deste centro de operacións. Na mesma participaron o voceiro municipal dos socialistas da Rúa, Luís Fernández Gudiña; o deputado do Grupo Provincial Socialista, Aurentino Alonso; as deputadas autonómicas do PSdeG, Marina Ortega e Carmen Rodríguez Dacosta; e o senador por Ourense, o socialista Miguel Bautista.

O primeiro en tomar a palabra foi o voceiro dos socialistas de A Rúa, Luís Fernández, quen apuntou que a perda de 16 postos de traballo no centro de control que Iberdrola ten en A Rúa “supón que eses postos unha vez marchen do noso municipio, xa non se van recuperar” e subliñou que “é unha perda moi importante para un concello como o noso”. O voceiro municipal do PSdeG-PSOE tamén aproveitou para lembrar que levan dende 2019 levando a cabo medidas para tratar de paliar esta perda de postos de traballo.

Fernández Gudiña criticou que o Concello, gobernado polo Partido Popular” permaneza na “inacción” e non convoque ao resto de forzas políticas a reunións ou a redacción dunha declaración conxunta “pola loita contra este traslado e a favor de manter os postos”. O socialistas considera que “os recursos que temos en A Rúa non poden servir para xerar postos de traballo noutros lugares, namentres nós perdemos emprego” e reiterou “a falta de interese” do goberno municipal por “defender este centro de control e os 16 postos de traballo que imos perder”.

Pola súa banda, o deputado provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Aurentino Alonso, fixo fincapé na declaración institucional que se aprobará no pleno da Deputación de Ourense e impulsada polos socialistas. “Pedímoslle a Iberdrola que dea marcha atrás e a Xunta de Galicia e ao Goberno central a que inste a Iberdrola a mudar esta decisión e que o COC quede en A Rúa e non supoña unha perda de postos de traballo para a comarca de Valdeorras”.

A parlamentaria autonómica dos socialistas ourensáns, Marina Ortega, apuntou a unha iniciativa presentada no Parlamento de Galicia e respaldada polos tres representantes do PSdeG-PSOE de Ourense no ente autonómico, remarcando que “creemos que é de xustiza que Iberdrola manteña aquí o centro”. A deputada socialista tamén afirmou que “é un dos centros máis antigos de Galicia e conta con técnicos de alta cualificación, moita experiencia e formación polo que se trata dunha perda que non podemos, nin imos permitir.

Ortega apelou á Xunta de Galicia para “defender os postos de traballo máis que nunca”, xa que considera que “é o momento de demostrar que ter competencias serve e se pode traballar con elos”. A deputada autonómica sinala tamén que lle piden á Xunta que “medie entre empresa e traballadores para buscar solucións”. A parlamentaria ourensá tamén puxo o foco en que a empresa “explota recursos naturais na nosa provincia”, motivo polo que considera que “debe resarcir eses recursos e que repercuta en forma de emprego na nosa provincia”. Ortega tamén lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou unha lei de impulso demográfico polo que considera que “deben demostrar que realmente serve para algo” e finalizou apuntando que o emprego “ten que ir asociado ao territorio”.

Por último, o senador do PSdeG-PSOE de Ourense e ex alcalde de Petín, Miguel Bautista, fixo unha cronoloxía dos feitos para sinalar que “isto ten unha historia e un principio que é a foto da vergoña”, en referencia a fotografía a fotografía na que o presidente da Xunta de Galicia, se abraza a un alto executivo de Iberdola, trala vitoria electoral. O socialista valdeorrés tamén sinalou que este traslado “é premeditado e tan premeditado que Iberdrola non ten sede propia, senón que paga un aluguer”.

Bautista tamén cualificou a situación como “a política do desmantelamento” e laiouse da situación que vive a comarca de Valdeorras “abandonada a súa sorte polas institucións provinciais e autonómica”, subliñando que “só hai que analizar a situación na que se atopan as estradas, as infraestruturas e agora tamén sumamos a perda de postos de emprego vitais para A Rúa e tamén para toda a comarca de Valdeorras”. Bautista culpou do que está pasando a Bernardo Tahoces, portavoz actual da empresa e do que di “deixa un infausto recordo na nosa comarca”.