O BNG pide no Parlamento galego un Plan de apoio ás autónomas e PEMES do Concello de Ourense

Desde o Grupo Parlamentar, instan á Xunta de Galiza á posta en marcha dun Plan integral de apoio que inclúa ademáis de axudas directas, a redución de custes de funcionamento, a mediación entre propietarios e imquilinos ou a interrupción no devengo dos xuros e periodos de carencia entre outras

 O Grupo Parlamentar do BNG no Parlamento galego, ven de rexistrar unha iniciativa na que reclaman da Xunta de Galiza, a inmediata elaboración e posta en marcha dun Plan de apoio ás autónomas e PEMES do Concello de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dito plan iría moito máis alá da concesión de axudas directas, que tamén, xa que, como ben afirman os nacionalistas, cómpre atender a outras problemáticas que neste momento dificultan, e moito, o día a día da meirande parte delas.

Falan desde o BNG dun conxunto de medidas encamiñadas á redución dos custes de funcionamento da actividade (enerxéticos, telecomunicacións, auga). Outras á mediación coas propietarias dos inmobles nos que as Pemes ou autónomas exercen a súa actividade, dirixidas a redución da renda relativa ao tempos nos que exista ou existiran restricións á actividade, contemplando unha eventual asunción parcial pola Xunta de Galiza do importe das devanditas rendas, así como a realización de xestións dirixidas a interrupción do devengo dos xuros correspondentes ao período no que o exercicio da actividade económica estaba limitada, así como a aplicación dun período de carencia para o pagamento dos préstamos e créditos vencellados á actividade mercantil, igualmente, desde o BNG falan da necesaria paralización de calquera acción xudicial.

Todo o anterior é motivado, segundo o BNG, polo feito de que Practicamente desde a declaración do estado de alarma do mes de marzo, a poboación de Ourense viu limitada e restrinxida a súa mobilidade e liberdade ambulatoria. Primeiro polas medidas de confinamento xeral e a partires do mes de setembro e sen apenas solución de continuidade con restricións á celebración de reunións ou encontros, ou á saída e entrada no domicilio.

A estas limitacións non foi alleo o sector comercial, hostaleiro ou de servizos que viu restrinxidas as súas capacidades de aforo ou os seus horarios de actividade comercial, ordenándose mesmo o total cesamento da apertura ao público dos locais ou centros de traballo. Para a actividade mercantil das Pemes e autónomas tampouco foron inocuos os peches perimetrais, pois non son poucos os establecementos cuxa clientela está constituída por persoas residentes noutras poboacións e localidades de fóra do termo municipal.

Para os nacionalistas, a pesares das medidas que se ían acordando e o evidente impacto que tiñan no tecido industrial, hostaleiro e comercial, poucas e descoordinadas eran ás dirixidas a facilitar a pervivencia dos sectores atinxidos polas restriccións e pola imposibilidade de desenvolver a súa actividade ordinaria. Aos iniciais préstamos que permitían unha liquidez inmediata e xa que logo, pensados para o caso de que os efectos da pandemia fosen de curta duración e que a recuperación fose rápida e intensa, seguiron unhas axudas directas escasas na súa contía e tardías no tempo da súa convocatoria e concesión.

Nin a Xunta de Galiza nin ningunha outra Administración Pública con competencias para intervir dentro do termo municipal de Ourense, elaborou un Plan para actuar na defensa da actividade económica no Concello de Ourense que foi no que as limitacións e prohibicións foron máis intensas e prolongadas.

Desde o BNG láianse de que ao longo de todo este tempo, a Xunta de Galiza non realizase, en colaboración co Concello de Ourense, un Plan conxunto destinado ao apoio das PEMES e autónomas e autónomos de Ourense, motivo polo cal, os nacionalistas presentan esta iniciativa na Cámara galega, agardando contar co apoio do resto dos grupos.

PUBLICIDADE