G. Caballero chama a ” participación masiva nas primarias”

G. CABALLERO CHAMA A UNHA “PARTICIPACIÓN MASIVA” NAS PRIMARIAS DO PSDEG: “SE ACERTAMOS NO PROXECTO DE PARTIDO, GALICIA SAIRÁ FORTALECIDA NA ERA POSTCOVID”

Pide á militancia que “vaia a votar e decida co seu voto libre, en conciencia e sen ningún tipo de presión cal é o mellor futuro para o PSdeG” xa que “xogámonos moito”

AVANTAR ACTIVIDADES

Gonzalo Caballero chamou hoxe, despois de exercer o seu dereito a voto na sede do Calvario da Agrupación Socialista de Vigo, a unha “participación masiva” nas eleccións primarias do PSdeG para “acadar o mellor rumbo para o futuro do partido e de Galicia”. “Xogámonos moito”, subliñou, xa que “o futuro do PSdeG determina o futuro de Galicia”.

Neste sentido, o candidato incidiu en que “se acertamos no proxecto de partido, Galicia sairá fortalecida na era postcovid”. “A miña preocupación son os galegos e galegas”, recalcou, por iso, “agardo ter un PSdeG máis forte” que poida “servir a Galicia”.

“Encaro estas primarias como unha festa da democracia, con ilusión, forza e ganas e pido unha participación masiva aos militantes do PSdeG” e “que todos e todos vaian votar e decidan co seu voto libre, en conciencia e sen ningún tipo de presión cal e o mellor futuro” para o Partido Socialista de Galicia.

Así, Gonzalo Caballero pediu á militancia socialista que “acuda a votar pensando no mellor PSdeG e en como traballar por unha Galicia mellor pola esquerda” que dea “posibilidades de acertar nas claves do futuro” porque “os e as socialistas estamos plenamente comprometidos co futuro de Galicia e temos que seguir traballando a prol do país”.

“Teño moi boas sensacións” con respecto ás primarias, sinalou, xa que “a democracia nos fortalece” e, neste sentido, “o poder do voto é moi positivo”.

XORNADA CON “ESPAZO PARA A VIDA FAMILIAR”

Preguntado pola axenda do día, o candidato sinalou que “despois de moita intensidade en todo o verán” e dunha campaña “na que percorrín todas as bisbarras de norte a sur e de este a oeste”, hoxe “farei espazo para a vida familiar”.

“Mañá teño ao neno de cumpreanos e vaino celebrar hoxe pola tarde cos amigos do colexio e, polo tanto, estarei na casa e con el ao longo da tarde”, sinalou, así “o resto do día estarei tamén pendente de que todo vaia ben” durante a xornada electoral e “en contacto con compañeiros e compañeiras de toda Galicia”.