O BNG de Barbadás leva a Pleno a necesidade de corrixir as eivas detectadas nas obras de mellora do saneamento executadas en Sobrado

Como consecuencia dos traballos de mellora na rede de saneamento, o firme da rúa Outeiriño ten repisado en moito dos seus treitos, dificultando o tránsito dos vehículos e supondo un risco para a seguridade vial

Barbadás, 06 de marzo de 2023. Destacan desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Barbadás na exposición de motivos da súa moción que “hai certo malestar entre a veciñanza de Sobrado polo estado no que se encontra o firme da rúa Outeiño”.

AVANTAR ACTIVIDADES

E razón non lles falta, xa que como ben apunta o Portavoz nacionalista no concello Sarín Núñez, “desde que se acometeu a obra de ampliación da rede de saneamento nesta rúa pola empresa Camiños de Ourense, o firme da mesma ten repisado en moitos lugares, facendo que nalgúns treitos da mesma, a circulación dos vehículos se efectivice con moitas limitacións no tocante á seguranza viaria”.

Segundo Núñez, “descoñecemos se os motivos finais, que inciden nesta situación, son unicamente pola mala praxe no tocante ás tarefas que tiña que desenvolver a empresa, ou se pola contra, tamén ten que ver co tránsito que efectúan por esta rúa, camións de grande tonelaxe cara Moreiras”.

Ante esta situación, o BNG pídelle ao actual Goberno Local de Barbadás actuar. “Por unha banda hai que esixirse a empresa que realizou as tarefas para que retome os traballos eliminando así a desfeita que hoxe existe no firme desta rúa, e que paralelamente recollan a gravilla que está solta na rúa e que pode provocar problemas tanto a veciñanza que transite tanto a pé como en coche. E que, finalmente o firme desta rúa sexa o acaido”.

Iagualmente e ante o intenso tránsito de camións cargados con toneladas de madeira que transitan por estas rúas cara empresas ubicadas en Moreiras, no BNG entenden que “deberan deixar de facelo, ou polo menos limitar o peso destes camións, xa que non todas as estradas son iguais e polo tanto non todas poden soportar estes pesos excesivos”.

Por este motivo, instarán ao Goberno Local para proceder á colocación de varias sinais de prohibición para o tránsito a vehículos que excedan os 5.000 kg. colocadas na rúa Convento, onde o cemiterio de Sobrado, e tamén onde se considere no límite co Concello de Toén.