O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia ven de presentar un documento con diferentes aportacións ao borrador de orzamento para 2021 presentado polo goberno municipal. Nese borrador o goberno municipal apenas introduce novidades ao respecto do documento que elaborara o goberno popular antes da presentación da moción de censura por parte do actual bipartito. De feito, afirman que o documento recolle aspectos como a mellora das condicións de traballo do grupo de emerxencias supramunicipal, e a dotación dunha nova sede para este grupo, tal e como xa estaba acordado cos traballadores polo goberno do Partido Popular.

Tamén, afirman que se consolidan servizos creados polo goberno municipal do PP coma é o caso do servizo de madrugadores ou a aula municipal de teatro, servizos que se crearon coa chegada dos populares ao goberno do Concello de Ribadavia.

Aínda así, os populares presentaron un documento coas seguintes propostas para reforzar o documento orzamentario presentado polo goberno municipal:

  1. Ampliación da partida destinada á dotación de material para a loita contra o COVID-19 ata os 10.000€.
  2. Creación dunha partida específica para plan de emprego dotada con 25.000€ e aumento da parte proporcional das cuotas á seguridade social (9.000€) na partida existente para esta finalidade. Esta medida enténdese en conxunto co mantemento da partida de 45.000€ que en orzamentos anteriores estaba destinada a colaboración social e á que agora se lle cambiou a denominación pola de Plan de Emprego. Deste xeito, a dotación orzamentaria para Plan de Emprego e Colaboración social ascendería a 70.000€.
  3. Reforzo do servizo de limpeza viaria a través do aumento da xornada laboral de todos os traballadores deste servizo que non teñen xornada completa.
  4. Destinar ao programa de subvencións a autónomos o 1% do orzamento municipal, é dicir, incrementar esta partida dotada no borrador con 30.000€ ata os 47.497,08€
  5. Adherirse ao convenio coa Xunta de Galicia para participar no Plan autonómico de rescate ao sector da hostelería.
  6. Partida orzamentaria para levar a cabo as actuacións precisas para garantir o abastecemento de auga da localidade de Santo André de Camporredondo coa actual traída veciñal.

Con estas propostas, o grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia pretende enriquecer un documento orzamentario que, a pesar de recoller moitas das partidas, dos investimentos e dos servizos que puxeron en marcha os populares, non é o suficientemente ambicioso para atender necesidades importantes para Ribadavia.