Marina Ortega do grupo socialista advirte da “incompatibilidade” das casas niño co peche de escolas e servizos no rural

Marina Ortega reclama “blindar” as casas niño e garantir a súa continuidade dotando de estabilidade laboral e formación específica ás profesionais do servizo

A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, apuntou hoxe á “incompatibilidade” de medidas contra o despoboamento como as casas – niño para concellos do rural co peche de escolas e servizos sanitarios por parte do goberno. Ortega interveu na comparecencia do director xeral de Familia, hoxe en Comisión parlamentaria, onde alertou da descoordinación das distintas consellerías na loita polo reto demográfico.

AVANTAR ACTIVIDADES

A responsable socialista sinalou que “de pouco vale” a apertura de casas – niño para atender a rapaces e rapazas de 0 a 3 anos no rural “se ao mesmo tempo se pechan escolas e desmantelan servizos como o de Pediatría no rural”. Sinalou así situacións como o peche do colexio de Baamonde, o peche da aula de primaria da escola rural de Verducido, que tivo que reabrir por sentenza xudicial, ou o desamparo dos rapaces do Centro de Menores Santo Anxo de Rábade.

Estes exemplos, dixo, configuran a “cara b” da xestión dun goberno dirixido por un presidente que “non semella marcar a loita polo rural como prioritaria”, e por unha conselleira de Política Social que ao tempo que ofrece fotografías con cativos mentres se nega a recibir ás traballadoras da Galiña Azul.

Reclamou así que o goberno galego garanta os servizos básicos para os pequenos concellos de menos de 5.000 habitantes, xa que, sinalou, o plantexamento do goberno galego implica que “de non cubrirse un mínimo de nenos e nenas, o servizo terminará por desaparecer”. De aí, dixo, a importancia de garantir os servizos básicos de sanidade, xeriatría e ensino, que son os que finalmente “fan que as familias permanezan asentadas no territorio”.

Blindar o servizo

Ortega reclamoulle ao goberno galego que “blinde” este servizo, que supón un “bo concepto pero en bruto” e que require de “pulila para dotala de rigor”. Así, reclamou “optimizar as condicións para a prestación” do servizo, dotando ás traballadoras de maior estabilidade e optimizando o servizo con formación específica por parte da administración autonómica.