Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (2) Itinerarios de preferencia peonil.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo pola Universidade Politécnica de Madrid.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

No artigo anterior formulaba a conveniencia de acometer unha transformación integral dunha parte da estrutura urbana para conseguir unha cidade saudable e indicaba unha primeira proposta de ampliación do espazo peonil na zona norte do casco urbano.

Para continuar coa reflexión sobre a transformación integral do casco urbano do Carballiño quero comezar subliñando que as dimensións e características topográficas do centro urbano, permiten que o ámbito de actuación poida concibirse como UN ESPAZO DESEÑADO PARA AS NECESIDADES DO PEÓN, o que significa que a maior parte dos desprazamentos cotiáns non superan a distancia de 600 metros ou os 10 minutos camiñando, polo que se poden realizar andando na súa totalidade.

Tempo de desprazamento andando a Praza Maior

Na medida en que as distancias poden nalgún caso exceder o radio da marcha a pé, e tamén na medida que aparezan hábitos de desprazamento en bicicleta de carácter municipal ou supramunicipal, o ciclismo pode ir adquirindo un papel significativo na paisaxe urbana. Para iso haberá que GARANTIR NAS RÚAS A COMODIDADE E SEGURIDADE SUFICIENTE para os potenciais usuarios, incluíndo os máis vulnerables como son as persoas  maiores e os cativos.

Tamén debo salientar que nestes casos a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), recomenda a aplicación de medidas tales como a xerarquización e reordenación da rede viaria, o acougado do tráfico, a creación de itinerarios peonís preferentes, as peonalizacións puras e mixtas, o acondicionamento de beirarrúas ou a supresión de barreiras de accesibilidade.

Así mesmo, entre as recomendacións que fai que a FEMP nesta materia sinálase que se deben tomar medidas para “facilitar os desprazamentos peonis que permitan acceder ou interactuar con seguridade e comodidade na contorna urbana, recuperar parte do espazo público actualmente ocupado polo vehículo privado e garantir a mobilidade peonil entre os principais centros de atracción e xeración de desprazamentos”.

Neste contexto, parece necesario RECOMPOÑER A FORMA DE PENSAR A CIDADE. O modelo conceptual que propoño fundaméntase en apostar por potenciar a diversificación da estrutura urbana a partir da definición de puntos que dan lugar á atracción-xeración de desprazamentos peonís (“centriodes”). Neste caso, tomando como base os dous grandes ámbitos de referencia estancial do caso urbano, Praza do Concello e Alameda/Praza do Emigrante, intercomunicadas peonalmente polas rúas “Principal” e Curros Enriquez”, defínese a articulación dos desprazamentos preferentes a partir de seis “centroides”: Praza de Abastos/Balneario, Multifuncional/Estación de Autobuses, Templo da Veracruz, Concello/Correos, Centro de Saúde e Parque Municipal.

O obxectivo prioritario baséase en complementar e interrelacionar os centros estanciais, así como toda a parte central do núcleo urbano en xeral, cós seis elementos emblemáticos no sistema de organización urbana, mellorando as condicións de accesibilidade que permitan optimizar a comunicación do conxunto espacial da cidade. A finalidade última é favorecer a continuidade dos percorridos peonís dende a “amendoa central “cara ó resto de espazo urbano, de forma cómoda e segura.

Os seis “centriodes” darán lugar a outros tantos itinerarios preferentes, entendendo por estes últimos as rúas nas que O PEÓN É O PROTAGONISTA E O AUTOMÓBIL TEN UN PAPEL MAIS SECUNDARIO. O obxectivo é conseguir unha cidade para andar, para poder realizar a maior parte das actividades posibles camiñando. Con isto non só melloraremos a saúde dos seus habitantes senón que tamén contribuímos a sustentabilidade do planeta, aplicando o recorrente lema “pensa globalmente actúa localmente”.

En consecuencia, a principal estratexia de intervención sería a IMPLANTACIÓN DUN SISTEMA CONTINUO DE ITINERARIOS PEONÍS que permitan aumentar a permeabilidade do cinto aberto ao tráfico rodado de forma que conecten as áreas estanciais cos centros de actividade preferente. Desta proposta xorden seis itinerarios preferentes que se relacionan de seguido

1.- Ruta do Balneario: “Praza das Monxas” – Praza de Abastos – Balneario – Paseo Fluvial do Arenteiro.

2.- Ruta do Multifuncional: Alameda/Praza do Emigrante – Multifuncional – Estación de Autobuses.

3.- Ruta da Veracruz: Alameda/Praza do Emigrante – Templo Veracruz.

4.- Ruta de Correos: Praza Maior – Concello – Correos.

5.- Ruta do Centro de Saúde: A partir da Ruta Veracruz ou da Ruta Correos – Centro de Saúde.

6.- Ruta do Parque: Fondo da rúa “Principal” – CEIP Calvo Sotelo – Casa da Cultura – Parque Municipal.

Como resumo poderíase concluír que a transformación integral do casco urbano de Carballiño pasa, entre outras consideracións e determinacións, pola definición, cando menos, de seis itinerarios peonís que deberíanse caracterizar, de maneira xeral, polos seguintes condicionantes:

  • Configurarse como espazos para a comunicación e o paseo.
  • Permitir conexións fundamentalmente de carácter local.
  • Dar prioridade e preferencia de paso ós peóns aínda que nos itinerarios poidan circular vehículos a motor e viandantes ó mesmo tempo.
  • Reducir a velocidade máxima dos vehículos a motor a 30 Km/h.
  • Proporcionar sensacións agradables e de seguridade nas rúas que favorezan o tránsito de peóns.
  • Liberar as beirarrúas de todo tipo de vehículos, prohibindo aparcar en beirarrúas a motos, bicis e patinetes.
  • Ter en conta que nos espazos peonís é imprescindible garantir que o Itinerario Peonil Accesible (IPA), establecido pola lexislación (Orde VIV/561/2010) sexa, cando menos, 1’80 metros libres de obstáculos dende a fachada, para posibilitar a mobilidade dos cidadáns con discapacidade visual severa e invidente.
Exemplo de área de repouso na rúa San Pedro de Santiago

Deste xeito, os itinerarios preferentes verían ampliadas as súas beirarrúas, ata acadar unha anchura mínima de dous metros, gozarían cada certa distancia de treitos con espazos apropiados para o descanso e o lecer das persoas maiores, e os automóbeis verían diminuído o seu actual espazo de estacionamento, así como, limitada a súa velocidade.

Pensen vostedes que para ACADAR UNHA CIDADE SAUDABLE resulta imprescindíbel dar os cidadáns a posibilidade de realizar a pé a maior parte dos desprazamentos urbanos de xeito confortable e seguro, especialmente para os máis vulnerables como son as persoas  maiores e os nenos.


Curriculum de Pablo Álvarez Guillén:

Pablo Álvarez Guillén é Enxeñeiro Agrónomo, pola Universidade Politécnica de Madrid, na Especialidade de Economía Agraria. Inicia a súa actividade profisional na División de Medio Ambiente da empresa INFORMES Y PROYECTOS S. A. (INYPSA). Posteriormente, incorpórase ao Ministerio de Obras Públicas (MOPU) integrándose no equipo formado para poñer en marcha o procedemento de avaliación ambiental previsto na Directiva 85/337/CE, participando na elaboración das primeiras declaracións de impacto ambiental que se redactan en España. Desde fai máis de tres décadas vén levando a cabo a súa actividade nas empresas PROYECTOS MEDIO AMBIENTALES S. A. (PROYMASA) e CONSULTORES EUROPEOS AMBIENTAIS S. L. (CEA), das que é socio fundador. Nun primeiro momento, como membro da Oficina de Asistencia Técnica da Comisión Europea para o control e seguimento do Programa LIFE en España e Portugal e, posteriormente, como Director Técnico da Área de Avaliación Ambiental das dúas empresas. Entre o multifacético abanico de traballos realizados nesta Área desataca a súa vinculación cos aspectos ambientais do urbanismo, un dos máis recentes é a dirección dos traballos para a elaboración do Estratexia Local de Economía Circular, da Federación Española de Municipios e Provincias, na que a “Sustentabilidade dos espazos urbanos” ocupa un importante lugar (https://www.municipiosyeconomi  acircular.org/).


Outros artigos de Pablo Álvarez Guillén:

Unha proposta de modelo urbano saudable para o Carballiño 2030: (1) aspectos xerais da mobilidade urbana