O Psoe de Pereiro critica que o alcalde ofreza terreos para a construción dunha residencia de maiores

O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar amosa a súa “sorpresa” polos anuncios “grandilocuentes” do alcalde do Partido Popular, Luís Menor, nos medios de comunicación, onde anunciou o ofrecemento de terreos municipais para a construción da residencia de maiores da Fundación Amancio Ortega. Os socialistas critican que namentres se fan estes anuncios, o centro de día para persoas maiores dos Gozos permanece pechado a “cal e canto” dende 2008, despois dun investimento millonario de máis dun millón de euros.

Dende o Grupo Municipal Socialista salientan que a súa postura non é a de “oporse” a construción de novas infraestruturas do municipio que sirvan para mellorar a calidade de vida da veciñanza e xeren novos postos de traballo. Destacan, que o proxecto anunciado polo rexedor, a día de hoxe é “inviable” e insisten que antes de proceder a novas construcións “débese pór en funcionamento o centro de día que xa está construído nos Gozos”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Os socialistas de Pereiro aproveitan para lembrar que fai 13 anos que se inaugurou o centro de día para persoas maiores dos Gozos, cun investimento de máis dun millón de euros. Unha edificación que foi levantada en terreos do monte veciñal, tal e como declarou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, “motivo polo que posteriormente houbo que desembolsar outros 50.000 euros en concepto de expropiación dos terreos”, apuntan os socialistas.

Dende 2008, o devandito centro de día permanece pechado e só se abre, tal e como relatan dende o PSOE de Pereiro de Aguiar, “para algunhas actuacións e actos culturais”. Ante esta situación, os socialistas critican que o Concello “ofreza terreos para albergar unha residencia de maiores, namentres teñen unha magnífica instalación como é o centro de día totalmente pechada e na que se realizou un investimento millonario”.

Os socialistas tamén lle lembran o grupo de goberno municipal do Partido Popular que a Xunta de Galicia firmou en 2019 un convenio de colaboración coa Fundación Amancio Ortega, no que se indica que “as residencias de maiores da Fundación deben situarse exclusivamente nas 7 cidades galegas”. Tal e como subliñan os socialistas “en ningún caso se menciona que estas residencias poidan edificarse noutros termos municipais, nin tan sequera nos concellos limítrofes as cidades como é o caso de Pereiro” e finalizan afirmando que “ante esta situación é totalmente inviable que a residencia se poida construír en Pereiro de Aguiar namentres siga en vigor o citado convenio”.