O PSOE pide atraer fondos europeos para o concello de Ourense

IES CHAMOSO LAMAS

O PSdeG-PSOE empraza ao bigoberno PP-DO a “pórse as pilas” e a “comezar a traballar xa” en atraer fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) para Ourense, ante a primeira convocatoria de axudas aos concellos anunciada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, que mobilizará un total de 1.000 millóns de euros para impulsar a mobilidade sostible en municipios de máis de 50.000 habitantes e capitais de provincia.

Os socialistas sinalan que a convocatoria do Mitma contempla axudas destinadas á descarbonización das cidades, á mitigación do ruído e á mellora da calidade do aire, e subliñan que os municipios teñen ata o día 30 de setembro para solicitar as subvencións a través da plataforma web habilitada na sede electrónica do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

HIPER MASIDE

“Non podemos permitirnos perder este tren, polo que instamos ao bigoberno a traballar arreo para atraer estes fondos que tanta falta fan en Ourense, e que permitirían renovar a flota de autobuses urbanos sen necesidade de despilfarrar cartos públicos a través dunha macromodificación de crédito, como pretende facer o alcalde coa complicidade do Partido Popular”, defenden dende o grupo municipal socialista.

Neste sentido, os socialistas lembran que Jácome mantén paralizado o Plan de Mobilidade Sostible (PMUS) dous anos despois da súa aprobación e “fai caso omiso” ás demandas socialistas para a convocatoria da comisión de seguimento e a reactivación da Comisión Técnica que permitiría levar a cabo as accións contempladas no plan e no cronograma correspondente.

Así as cousas, os socialistas temen o alcalde poida “botar a perder” a oportunidade que brindan os fondos Next Generation para acelerar a posta en marcha do PMUS na cidade de Ourense posto que “Jácome ten máis que demostrado que a mobilidade sostible non está nin se lle espera na súa axenda, máis alá da súa insistencia de encher Ourense de aparellos mecánicos sen sequera contar con informes de viabilidade”.

“Consideramos que cómpre facer unha aposta inequívoca pola implantación dun novo modelo de mobilidade en Ourense, froito do consenso e a vontade política, que transforme a conciencia cidadá, e que pasa por levar adiante os compromisos recollidos no PMUS co impulso que proporcionan os fondos europeos que vén de activar o Goberno de España”, conclúen.

Semana da Mobilidade Sostible

A este respecto, os socialistas denuncian que o Concello de Ourense “nin sequera figura inscrito como participante na Semana Europea da Mobilidade” polo que sospeitan que “por segundo ano consecutivo, o goberno local “está a outras cousas” e “carece de vontade” para pór en marcha un programa de actividades.

Dende o grupo municipal socialista sinalan que a iniciativa promovida pola Comisión Europea, que este ano terá lugar entre o 16 e o 23 de setembro, ten como tema central a seguridade e a saúde, e solicitan que Ourense se una aos máis de 200 concellos españois que xa constan como participantes.

“Esiximos que o Concello de Ourense promova un calendario de actividades de sensibilización ambiental e transporte sostible e que a cidade participe no Día Europeo sen Coches para amosar o noso compromiso coa descarbonización”, demandan os socialistas.