O PSdeG-PSOE de Beade conseguiu no último pleno municipal a aprobación por unanimidade da moción presentada para impulsar un plan de rescate económico e protección da viticultura de Beade e da Denominación de Orixe Ribeiro. A iniciativa, defendida polos concelleiros María del Carmen Rama Cotelo e Miguel Ángel Carreiro Estévez, nace da preocupación pola grave crise de rendabilidade que atravesa o sector vitivinícola, fundamental para a economía e a identidade social do municipio.
Na exposición de motivos da moción, o PSdeG-PSOE alerta da caída do valor da produción na última década, dos baixos prezos percibidos polas adegas e viticultores, así como do impacto das pragas e dun sistema de seguros agrarios “insuficiente e afastado da realidade do minifundio galego”.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
As e os socialistas defenderon que “o futuro de Beade non pasa unicamente por mover marcos ou promover concentracións de terras, senón por garantir que as familias viticultoras poidan vivir dignamente do seu traballo e que a mocidade teña oportunidades reais para continuar ligada ao rural”.
Durante a negociación da moción, o PSdeG-PSOE de Beade aceptou retirar do texto inicial a proposta de bonificacións fiscais municipais para as explotacións familiares co obxectivo de facilitar o consenso e acadar o apoio do grupo do Partido Popular, permitindo así que a iniciativa saíse adiante por unanimidade.
Entre os acordos finalmente aprobados destacan a solicitude á Xunta de Galicia e ao Goberno de España dun fondo extraordinario de axudas directas para compensar perdas por pragas e tratamentos fitosanitarios; a reforma do sistema de seguros agrarios para adaptalo ás características do territorio galego; e a defensa dun modelo de explotación que priorice o acceso á terra da veciñanza e da mocidade emprendedora local.
A moción tamén reclama o cumprimento estrito da Lei da Cadea Alimentaria para evitar que os viticultores vendan por baixo dos custos de produción.
Dende o PSdeG-PSOE de Beade valoran moi positivamente o apoio unánime da Corporación municipal, considerando que “é unha mostra de que a defensa do noso rural, da viticultura e da economía local debe estar por riba de diferenzas políticas”.
As e os socialistas agardan agora que as distintas administracións atendan as demandas trasladadas polo Concello de Beade e adopten medidas reais e urxentes para garantir o futuro do sector vitivinícola no Ribeiro.
Homenaxe a Xoán Pablo Lorenzo Fariña no pleno de Beade
O grupo municipal socialista de Beade, a través da súa voceira Carmen Rama Cotelo, promoveu no último pleno unha intervención de recoñecemento institucional a Xoán Pablo Lorenzo Fariña, veciño de Beade recentemente falecido. A iniciativa serviu para poñer en valor a súa traxectoria persoal, profesional e o seu compromiso coa vida pública da comarca do Ribeiro.
Na intervención, a voceira socialista destacou a fonda vinculación de Pablo coa súa terra, así como os valores de esforzo, integridade e compromiso que guiaron a súa vida. Lembrouse especialmente o seu papel pioneiro no ámbito empresarial, coa elaboración de vinagres de calidade que contribuíron a proxectar o nome do Ribeiro e a consolidar produtos de alto valor engadido vencellados ao territorio.
Tamén se puxo en relevo a súa capacidade para combinar tradición e innovación, converténdose nun referente no desenvolvemento agroalimentario local e nun exemplo de como o talento emprendedor pode xerar impacto positivo na economía comarcal.
Así mesmo, a intervención subliñou a súa implicación no ámbito público e político, sempre desde unha perspectiva de servizo á veciñanza, exercendo responsabilidades con proximidade, diálogo e defensa do interese xeral.
O pleno rematou trasladando o pésame á súa familia e amizades, e recoñecendo de maneira unánime a pegada deixada por Xoán Pablo Lorenzo Fariña no municipio e na comarca.

















