Máis de medio centenar de mulleres emprenderon a súa volta ao mercado laboral participando en Reactiva Mulleres Ourense

Este programa formativo alcanza o seu ecuador despois de celebrarse xa en seis comarcas da provincia

Publicidade

Ata o momento inscribíronse un total de 63 mulleres de idades comprendidas entre os 20 e os 60 anos
A próxima sesión, do 28 de xuño ao 2 de xullo, está aberta para mulleres das comarcas de Verín, Viana, A Limia e #Baixa Limia
A titora do programa, Eva Muñoz, destaca o carácter proactivo das participantes e a confianza que van gañando nas súas posibilidades laborais co paso dos días
Tras a formación en grupo poden acceder a un seguimento individualizado para enfocar e reforzar a súa aprendizaxe e posibilidades

Ademais dunha semana eminentemente formativa na que aprenden habilidades de procura de emprego e ferramentas para sacar partido ás súas fortalezas, as mulleres que están a participar neste programa destacan que gañan confianza e seguridade co paso dos días.

A titora desta acción formativa para mulleres desempregadas, Eva Muñoz, opina igual e subliña que ‘ademais de gañar seguridade, aprenden a coñecer e expresar as súas auténticas capacidades e habilidades e o que poden poñer ao servizo da empresa, polo que poderán realizar unha procura activa de emprego máis orientada e efectiva.

Ao termo desta semana de formación e motivación, as participantes son capaces de elaborar a súa curriculum con outro enfoque, ‘realizan un CV que lles fai brillar máis e pasar os filtros necesarios nas entrevistas, gañando esa confianza en si mesmas e nas súas fortalezas’ comenta novamente Eva Muñoz.

Ademais, entre as alumnas xéranse sinerxias, apóianse entre elas e fortalécense unhas a outras. O curso sérvelles para enlazar unha rede de conexión e información que lles resultará moi útil para seguir en contacto unha vez termine a formación en liña, un formato que lles está resultando igual de próximo que o presencial e que desenvolven de maneira grupal, pero no hai cabida tamén para o seguimento e asesoramento individual por parte da titora. Este acompañamento vai máis aló da formación en liña dunha semana de duración, e grazas a el poden seguir perfilando e definindo os seus obxectivos e posibilidades no terreo laboral.

Cifras e valoracións

Reactiva Mulleres Ourense, un programa enfocado para paliar o desemprego feminino, iniciou a súa traxectoria a comezos do mes de xuño da man da CEO co apoio da Deputación de Ourense. Nestas tres semanas proporcionou ferramentas e formación a 63 mulleres procedentes das comarcas de Ourense, O Ribeiro, O Carballiño, Valdeorras, Terras de Trives e Terras de Caldelas. Do total, case o 70% pertencen a idades comprendidas entre os 30 e 50 anos, aínda que se rexistraron participantes de entre 20 e 60 anos.

A valoración global por parte das participantes é moi positiva. De entre todas elas, Yolanda Ferreira, por exemplo, sinala que ‘foi unha experiencia moi beneficiosa para destacar as miñas fortalezas como persoa e muller traballadora e darlles o valor que me pode axudar á hora de buscar emprego’, do mesmo xeito que esta participante, Mariellis Villavicencio tamén apunta que foi ‘excelente descubrir os meus puntos fortes e concretalos para poder venderme como profesional, para mostralos ás empresas dunha maneira máis concreta e eficaz’. Ambas coinciden novamente na valía da titora, ‘moi empática e didáctica nas súas explicacións e que axuda con exemplos prácticos e teóricos onde se pode mellorar á hora de facer un bo curriculum, carta de presentación, ou ir ben preparada a unha entrevista’, destaca Yolanda.

Obxectivo de Reactiva Mulleres

Axudar ás mulleres que perderon o seu emprego por mor desta crise para reinserirse no mercado laboral. É o obxectivo principal desta iniciativa que puxo en marcha a CEO e que finalizará en setembro, tras o descanso estival, nas comarcas de Allariz-Maceda e Terras de Celanova. Ao termo do programa, Reactiva Mulleres estaría en funcionamento nas 12 comarcas ourensás coa intención de abarcar todos os concellos da provincia.

As participantes teñen acceso a asesoramento, actividades e formación que lles proporcionarán as habilidades, coñecementos e ferramentas necesarias, tanto laborais como persoais, para afrontar con motivación a súa procura de emprego e co mellor dos resultados posibles a súa reincorporación ao mercado laboral.

Entre os contidos que traballarán as mulleres participantes atópase o adestramento para o desenvolvemento profesional e persoal, ferramentas para mellorar a empregabilidade e de procura de emprego, o deseño dun bo curriculum, os seus elementos diferenciadores e as novas tendencias, elaboración de cartas de presentación ou todo o necesario para preparar unha entrevista de traballo con garantías de éxito.