O Psdeg-Psoe acusa a Jácome de querer funcionar en base a “cantos de serea”

O Psdeg-Psoe acusa a Jácome de querer funcionar en base a “cantos de serea” e pretender gastar “o diñeiro de todos” na compra directa dos autobuses para “facerse a foto”

Os socialistas advirten que Jácome actuou de xeito “arbitrario e caprichoso”, usando unha empresa “de dubidosa reputación” para que lle dixera o que quería escoitar en relación á compra dos autobuses

AVANTAR ACTIVIDADES

Lamentan que o alcalde non facilite información aos grupos políticos da oposición e se limite a “facer o paripé” de convocar aos representantes municipais para que lle dean o prace

O PSdeG-PSOE acusa a Jácome de querer funcionar en base da “cantos de serea” e pretender gastar “o diñeiro de todos” na compra directa dos autobuses urbanos para “facerse a foto” antes de que remate o seu mandato. Os socialistas advirten que Jácome actuou de xeito “caprichoso e arbitrario”, empregando unha empresa “de dubidosa reputación” para que lle dixera o que quería escoitar en relación á decisión de adquirir a flota de autobuses no canto de licitala, co único fin de “colgarse a medalla” e satisfacer os seus intereses persoais.

“O alcalde encargou un informe ad hoc dunha empresa allea para xustificar unha inversión millonaria e pediulle aos grupos da oposición que colaboraran”, censurou o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino. “É inaudito que un Concello pretenda tomar unha decisión así á lixeira, sen contar co aval dos técnicos do propio Concello e apoiándose unicamente nun informe externo”.

Os socialistas lamentan que o alcalde non facilite ningún tipo de información nin documentación aos grupos políticos da oposición e que se limite a “facer o paripé” de convocar aos representantes municipais para que lle dean o prace ás súas ideas, sen ofrecer ningún tipo de aval nin solución á precariedade na que se atopa o servizo municipal de transporte urbano.

Neste sentido, dende o grupo municipal socialista consideran “lamentable” que o alcalde tome decisións sen contar cos informes oportunos e aseguran que descoñecen o plan de mantemento dos autobuses ou a planificación do transporte na cidade. “O único modus operandi do alcalde é solicitar o prace para executar a súa decisión, e cando non o logra, marcha desairado”, manifestan.

Así, os socialistas lembran que a concesión do transporte urbano leva sen renovarse desde hai case sete anos, posto que o goberno do PP liderado por Jesús Vázquez “non fixo nada” por licitar o servizo municipal. “Temos unha flota de autobuses obsoleta e moi contaminante polo desleixo do PP e logo do bigoberno PP-DO”, aseguran os socialistas, que lle piden a Jácome que se deixe de “paripés” e actúe “con rigor” ante un asunto fundamental para a mobilidade da cidade.

PUBLICIDADE