O Psdeg-Psoe secunda as reivindicacións de Eapn Galicia e defende o enorme labor das entidades do terceiro sector ante o “grave colapso” dos servizos sociais do concello

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Os socialistas esixen ao microgoberno de Jácome un “cambio de rumbo radical” na política social do Concello para “superar a falta de planificación” e evitar que as axudas cheguen “tarde e mal”

Denuncian que Ourense é “a cidade galega cos servizos sociais máis colapsados” e tachan de “insuficientes e continuistas” as axudas para as entidades sen ánimo de lucro no ámbito dos servizos sociais

O PSdeG-PSOE de Ourense secunda as reivindicacións das entidades do terceiro sector pertencentes á Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión, EAPN Galicia, ao tempo que defende o enorme labor que desempeñan as organizacións sen ánimo de lucro ante o “grave colapso” dos servizos sociais do Concello.

Tras un encontro con representantes das entidades que conforman EAPN Galicia, os socialistas amosaron o seu compromiso para apoiar as súas demandas e censuraron que Jácome nin tan sequera respondese á solicitude urxente de reunión que o colectivo lle remitiu o pasado mes de xaneiro. Neste sentido, lamentan que o alcalde estea “máis preocupado de proxectos megalómanos inviables que de atender as necesidades das persoas en situación de emerxencia social”.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Deste xeito, esixen ao “microgoberno” un “cambio de rumbo radical” para colocar a área social “no centro da acción política”, así como para “superar a falta de planificación” e evitar que as axudas aos colectivos cheguen “mal e tarde”, como denuncian dende EAPN Galicia.

“Algúns colectivos trasladáronnos situacións realmente sangrantes, como algún caso no que as axudas se resolveron cando xa rematara o prazo de execución; ou outros nos que a contía da subvención chegou ata catro anos tarde”, manifestou o voceiro dos socialistas, Rafa Villarino, tralo encontro. “Neste contexto, as entidades vense obrigadas a acabar recorrendo aos recursos de asociados ou doutras administracións que as amparen”, lamentou.

“Ourense é a cidade galega cos servizos sociais máis colapsados, con listas de agarda de ata seis meses”, advertiu o socialista, quen tachou de “insuficientes e continuistas” as axudas para entidades sen ánimo de lucro no ámbito dos servizos sociais que o Concello vén de facer públicas. “Son outra proba do servilismo da administración local en Ourense, que se limita a plaxiar unhas axudas concedidas con anterioridade, amosando a súa falta de proxecto propio”.

Durante a xuntanza, na que participaron representantes de Afaor, Fundación Meniños, Provivienda, Fundación Juan Soñador, Amaranta, Down Ourense, APES, Renacer, Cogami e Xarela, os socialistas comprometéronse a convocar unha reunión coa responsable de servizos sociais do Concello para trasladarlle as peticións de EAPN Galicia en primeira persoa e reiteraron que o grupo municipal socialista insistirá na súa solicitude para que o goberno local convoque o Consello de Servizos Sociais. Así mesmo, agradecéronlle ás entidades participantes o convite e amosaron a súa total disposición para participar en futuras xuntanzas

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------