Ribadavia celebra o Día do Teatro con lecturas e cun documental sobre a MIT

O día 27 de marzo volve Ribadavia a converterse na capital do teatro galego. Con todas as medidas sanitarias a vila do Avia realizará actividades entre a veciñanza. Dende as 12 da mañá haberá lecturas dramatizadas de fragmentos selecciónados da colección Abrente, o premio de textos teatrais que convoca a MIT. A idea da Concellería de Cultura é a participación cidadá ampla a través dun formulario de inscrición aberto a toda a cidadanía. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello de Ribadavia e será retransmitido en directo.

Ás 19h00, no Auditorio municipal Manuel María da Casa da Cultura de Ribadavia, acollerase a estrea do documental “Non vale parar”, que amosa a organización dunha MIT en pandemia.

AVANTAR ACTIVIDADES

O documental recolle entrevistas a público, artistas, voluntarias/os e traballadores pero tamén xoga sutilmente coas dobres lecturas e os moitos sentidos que cobra a arte condo a recibimos co filtro dunha resaca do confinamento ou dunha situación pandémica mundial. A intelixencia e sensibilidade de Ainhoa e Blanca son un valor para a MIT e o director do festival quere agradecerlles, e así o fará no acto, a súa capacidade de iniativa, o seu amor por Ribadavia, a xenerosidade co tecido cultural e o desexo por afondar nun proxecto histórico pero esperto e atento á realidade e á innovación como é a MIT de Ribadavia.

Voces coma as de Marta Pazos, a actriz Fernanda Orazi, o actor Santi Prego, Andrea Jiménez e Noemí Rodríguez de Teatro en Vilo, as actrices Cris Iglesias ou Agnès Mateus, etc., mestúranse con escenas de espectáculos coma Fariña, artistas da compañía Ibuprofeno, Elefante Elegante, obras de Pablo Remón, Quico Cadaval, escenas de danza ou de circo, ese crisol de estilos que foi a MIT, menos internacional e recollida no apoio e na estrea da creación autóctona, pero chea de miradas brillantes e máis expresivas, tras unha máscara que agarda con emoción a xuntanza nas noites ribadavienses. O relato de Ainhoa e Blanca é capaz de deixarnos o pouso de todo o que quere dicir un festival especial nunha ocasión especial, todo o que non se pode expresar só con palabras e todo canto nos axuda a saír adiante en todos os sentidos un proxecto do común, coas súas singularidades, pero con pés en Ribadavia e os soños na viaxe teatral arredor do mundo, porque malia as fronteiras pechadas pola COVID, NON VALE PARAR.

O aforo estará limitado ás indicacións últimas das autoridades competentes e para asistir será preciso confirmar asistencia no correo contacto@aebcomunicacion.com . Así mesmo, unha vez rematado o acto e o coloquio, o filme estará dispoñible en aberto, para que todas as persoas que non poidan acudir á estrea ou non poidan viaxar a Ribadavia teñan a oportunidade de gozar deste traballo audiovisual en torno á 36ª MIT.