O Psdeg-Psoe anuncia que examinará a viabilidade da contratación de 20 interinos para o denominado “centro de intelixencia artificial” do concello de Ourense

Estiman en seis millóns de euros o “malgasto” da “nova ocorrencia do alcalde” e lamentan que Jácome só busque “mirarse nos titulares mentres a cidadanía pide axuda nun Concello que a ignora”

Publicidade

Lembran que a investigación e produción científica no ámbito da intelixencia artificial é competencia das universidades, e non dun alcalde “que xoga a ser reitor”

O PSdeG-PSOE anuncia que examinará a viabilidade da contratación de 20 interinos —17 enxeñeiros e 3 técnicos de FP— para o denominado “Centro de Intelixencia Artificial” ideado por Jácome coa complicidade do Director de Intelixencia Artificial, “outro posto saído do seu maxín e da súa listaxe de amizades”, manifestan.

Dende o grupo municipal socialista denuncian que o alcalde “xoga a ser reitor”, atribuíndolle ao Concello competencias propias das universidades, como a investigación e produción científica no ámbito da intelixencia artificial, incorrendo nun “dispendio de fondos públicos” que os socialistas cifran en “máis dun millón de euros anuais só en gastos de persoal”.

“Aos custos asociados á contratación de traballadores para un servizo que non lle corresponde ao Concello, habería que sumar arredor de medio millón de euros máis para as obras de acondicionamento dos despachos dos contratados nas instalacións do Centro La Molinera, así como para o equipamento informático e os servidores necesarios”, detallan dende o grupo municipal socialista.  

Neste sentido, censuran que o Concello incorra nun gasto de aproximadamente seis millóns de euros para unhas contratacións que terán unha duración estipulada de só tres anos, podendo prorrogarse unha anualidade máis. “É un xoguete moi caro que esta cidade non se pode permitir”, afirman os socialistas, ao tempo que censuran “o malgasto” da “nova ocorrencia dun alcalde ao que só lle gusta mirarse nos titulares, mentres a cidadanía busca axuda nun Concello que a ignora”.

Así as cousas, subliñan que examinarán o expediente íntegro destas contratacións, e velarán pola distribución “xusta, axeitada e lexítima dos recursos públicos”. “Actuaremos, en definitiva, coa obxectividade, responsabilidade e cordura que hai tempo fuxiron da casa consistorial deste cidade”, aseguran.

“Hoxe é momento de que a cidadanía reciba axuda da súa administración máis próxima, e non dun alcalde illado da realidade que malgasta a mans cheas en ocorrencias que non lle corresponden”, conclúen dende o PSdeG-PSOE de Ourense.