O ilustrador coruñés Cristian F. Caruncho foi proclamado gañador do I “Carlos Casares-Kristina Berg” ao talento creativo. O galardón, promovido pola Fundación Carlos Casares en colaboración coa Deputación de Ourense, dotado con 10.000 euros, ten como obxectivo a busca de talento emerxente.
O fallo do premio tivo lugar onte no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense. O Xurado, composto por Cristina Pato, María Martinón-Torres, María Canosa e Fernando González “Gonzo”, ademais de Xavier Casares, presidente da Fundación do escritor ourensán, e Rosendo Fernández, vicepresidente da institución provincial, determinou como gañador, entre as seis candidaturas seleccionadas, a Cristian Fojón Caruncho, ilustrador natural de Vidueiros, Ortigueira, onde naceu en 1997.
Formado na Escola de Arte e Superior de Deseño aplicado Pablo Picaso da Coruña, o galadoado ten repartido o seus traballos entre a autoedición (Historias de Rego Torto, 2012-16 / Dorotea, 2018); a obra colectiva (Un ferrado de dignidade. Demo editorial, 2017); a colaboración con artistas (O puño e a letra. Edicións Xerais, con Yolanda Castaño / Semillas, videoclip de Tremenda Jauría e Fermín Muguruza, 2019 / imaxe do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira, 2019); e ven de publicar en 2019 a súa primeira obra longa: Grandarroiba (Demo editorial).
O Xurado destacou a paixón de Cristian F. Caruncho pola Banda Deseñada, e o estilo depurado que manifesta, co que ergue o ambiente rural galego, tan minuciosamente tratado, a unha categoría claramente global e doadamente compatible coas tendencias máis modernas da BD. Apreciou nel un potencial riquísimo que confía converta, co tempo, ao artista que xa é, nun referente internacional.