O éxito acadado en Ribadavia motiva á Consellería de Comercio a impulsar o proxecto ‘Vilas Vivas’ de recuperación de contornas urbanas senlleiras

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, do director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e da xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, clausurou esta mañá a xornada de presentación do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, a folla de ruta impulsada polo Goberno galego que recolle 74 accións específicas que mobilizarán máis de 320 millóns de euros nos vindeiros anos. O obxectivo desta planificación é potenciar e incrementar a competitividade, a visibilidade e a gobernanza deste sector fundamental para a economía da Comunidade, que xera 107.000 empregos.

Durante a súa intervención, o conselleiro salientou que a aprobación e posta en marcha deste Plan —un dos compromisos electorais de campaña— é un paso decisivo para construír unha Galicia con máis oportunidades para o comercio, do que destacou o seu papel como motor de cohesión social, de identidade e de dinamización do territorio. Neste senso, puxo en valor que a colaboración público-privada é clave para afrontar os retos do sector, dotándoo das ferramentas que precisa para blindar o seu futuro.

A este respecto, agradeceu especialmente a todo o sector e axentes implicados a súa participación na xornada celebrada hoxe —con representantes da Federación Galega de Comercio e as súas homónimas provinciais, centros comerciais abertos, recintos feirais, asociacións de empresarios, autónomos ou Fegamp, entre outros— seguindo o mesmo espírito colaborativo, apuntou, que fixo posible a elaboración conxunta do Plan, artellado da man dos seus protagonistas e nos que todos están reflectidos con accións á medida das súas necesidades e retos, identificados no proceso de diagnose.

Ademais do deseño dunha gran marca do comercio galego, José González puxo en valor outras medidas pioneiras incluídas no Plan, entre as que destacou o proxecto de recuperación de contornas comerciais urbanas senlleiras ‘Vilas Vivas’, tras o éxito da experiencia piloto celebrada o pasado mes de decembro en Ribadavia. Indicou que esta iniciativa se enfocará en vilas que conten cun casco histórico ou singular cunha alta concentración de comercios pechados, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico. O obxectivo será a revitalización comercial a través do aluguer de baixos en desuso, a súa restauración e posta a disposición dos comerciantes e artesáns en formato efémero.

Tamén destacou a futura acción ‘Prato de mercado’, que promoverá sinerxías entre as prazos de abastos galegas e os restaurantes da súa contorna para poñer en valor ante a cidadanía da importancia do produto fresco de proximidade. Ademais, explicou que a conexión coa mocidade tamén figura como unha das grandes pancas do Plan, con accións como ‘Localízate’, dirixida a que a rapazada de entre 12 e 18 anos xere vencellos de valor co comercio, ou as bolsas de aprendices complementarias ao programa xa en marcha ‘Aprender da tradición’, impulsado a través da Fundación Artesanía de Galicia para preservar os oficios tradicionais.

Por último, José González apuntou o papel fundamental que xoga o comercio no marco da aposta integral da Xunta a prol do emprendemento ligado ao territorio, isto é, un emprendemento vencellado directamente aos recursos e necesidades da súa contorna, clave na dinamización territorial e garante da fixación da poboación. Neste contexto, e co obxectivo de fomentar a remuda e promover novas iniciativas se sustenten en plans de negocio ben cimentados, sinalou a importancia de tecer sinerxías con outras medidas en marcha como a Rede de polos de emprendemento, a través da cal se continuará avanzando na atención aínda máis individualizada en emprendemento comercial.