A Xunta trasládalle aos veciños de Reza que limitará en todo o posible as afeccións da execución da senda peonil

O delegado territorial da Xunta e o director da Axencia Galega de Infraestruturas reuníronse esta tarde con membros da Asociación de Veciños Quince de Agosto de Reza

  • Os representantes da Xunta explican polo miúdo o proxecto da nova senda na OU-402, que suporá un investimento autonómico de preto de 1,1 M€
  • O delegado e o director da Axencia Galega de Infraestruturas salientan que o Goberno galego está a actuar coa máxima transparencia e tendo en conta as achegas, de forma que o itinerario proxectado será de uso exclusivamente peonil
  • Destacan que o obxectivo último da actuación é reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños dispoñendo beirarrúas, novas zonas de aparcadoiro e paradas de autobús
  • Amosan a disposición da Xunta a manter unha canle de comunicación permanente cos veciños e avanzan que durante a execución da senda se tratará de realizar pequenos axustes para minorar en todo o posible a súa afectación

A Xunta trasladoulle hoxe aos veciños de Reza que traballará para limitar en todo o posible as afeccións da execución da senda peonil na estrada autonómica OU-402 ao seu paso por esta zona, no concello de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron esta tarde un encontro con representantes da Asociación de Veciños Quince de Agosto de Reza para explicarlles polo miúdo o proxecto da nova senda, na que a Xunta vai investir preto de 1,1 millóns de euros.

No encontro, os representantes da Xunta salientaron que o novo itinerario é unha iniciativa que conxuga seguridade viaria e favorece a mobilidade en beneficio de toda a veciñanza de Ourense. Trátase dun proxecto no que o Goberno galego está a actuar en todo momento coa máxima transparencia, escoitando as suxestións e tendo en conta as achegas recibidas, de forma que o itinerario proxectado será de uso exclusivamente peonil, como así recolle o proxecto aprobado.

Tanto o delegado territorial da Xunta como o director da Axencia Galega de Infraestruturas trasladáronlle aos veciños que o obxectivo último da actuación é reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo beirarrúas onde hoxe non as hai, novas zonas de aparcadoiro e paradas de autobús que faciliten o día a día dos veciños.

Amosaron, ademais, a disposición da Xunta a manter unha canle de comunicación permanente cos veciños de Reza e a celebrar os encontros de traballo necesarios para clarexar as posibles dúbidas.

Así mesmo, trasladaron que durante a execución da senda se tratará de realizar pequenos axustes para minorar en todo o posible a súa afectación.

As actuacións previstas

O proxecto de execución da senda de Reza ten por obxecto actuar nun tramo de case 2,7 quilómetros de lonxitude na OU-402 que carece de beirarrúas, polo que os peóns circulan actualmente polas beiravías da estrada.

Deste xeito, a execución da senda dotará de maior seguridade os viandantes e favorecerá unha mobilidade máis sustentable. Como se referiu, a actuación incorpora as achegas presentadas á proposta inicial, de forma que a nova senda, que se construirá entre os puntos quilométricos 1+090-3+780 da OU-402, terá un uso exclusivamente peonil.

A nova senda executarase pola marxe dereita da estrada, sendo o largo mínimo de 1,80 metros. Deséñase separada do tronco da estrada por diferentes elementos de separación, segundo o tipo de sección adoptada. Estes elementos poden ser: unha gabia revestida de largo 1,20 m ou 1,70 m e con perfil de seguridade; unha parte de vexetación; un bordo de sinalización; ou a combinación dos tres elementos anteriores. Para dar cabida á senda será necesario ampliar a plataforma da estrada, coa execución de 6 muros de sostemento de coieira e 7 muros de formigón armado coa mesma función.

As actuación previstas inclúen a execución de zonas de aparcadoiro ao longo do seu trazado e paradas de autobús cos seus refuxios correspondentes, tanto na marxe dereita como na esquerda da estrada.

Ademais, modificarase o deseño do pavimento e da sección transversal da senda nos primeiros 30 metros do trazado, seguindo as indicacións da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.