O BNG levará a pleno unha moción para exixir melloras nas medidas de conciliación da vida laboral, persoal e familiar que oferta o concello.
O Carballiño 27 de setembro de 2021. A voceira do BNG do Carballiño, Sofía García, trasladará ao pleno as reiteradas queixas das familias carballiñesas polas eivas nas medidas de conciliación da vida familiar e laboral que oferta o concello.
Comezou o curso académico 2021/2022 e non sabemos que alternativas de conciliación ofrecerá o concello do Carballiño. Levamos agardando dende o 2019 a que se defina con claridade e se informe como se vai configurar o SERVIZO DE CONCILIACIÓN DA VIDA FAMILIAR E LABORAL e que tipo de xornadas se van a prestar.
Nestes momentos o contrato do servizo de conciliación atópase prorrogado e hai unha ausencia total de información por parte do equipo de goberno a respecto das condicións futuras do servizo.
Para ter un amplo servizo de conciliación debemos prestar especial atención tamén ás distintas actividades extraescolares, as familias precisan compatibilizar a vida laboral coa educativa e non poden quedar sen unha ampla oferta de actividades que lle dean continuidade á xornada escolar.
O BNG demandará un Plan Municipal de Conciliación da vida laboral, persoal e familiar que inclúa, entre outros, un servizo de conciliación de mañá e de tarde con comedor ao mediodía e un amplo programa anual de actividades para todas as idades.