O BNG apoia a petición de concentración parcelaria dos veciños de San Cosme do Irixo

A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas e o deputado nacionalista e voceiro de Medio Rural Xose Luís Rivas Cruz “Mini” reuníronse coa plataforma de veciños e veciñas da parroquia de San Cosme de Cusanca, no Irixo, que están a demandar que a Xunta de Galiza reactive a súa solicitude do ano 2016 para acometer unha reestruturación a través dunha concentración parcelaria. A veciñanza salienta o amplo consenso que existe na zona, pois a solicitude remitida hai seis anos tiña a sinatura da práctica totalidade das persoas propietarias, circunstancia que debera acelerar os pasos.

Para o BNG “non é razonable que existindo esta necesidade e este amplo consenso a Xunta de Galiza non faga o seu traballo, desde o ano 2016 levan esperando que a Xunta dea sinais de vida sobre os estudos comprometidos e a veciñanza atópase abandonada cando o goberno galego debera valorar positivamente a iniciativa veciñal e agradecer o seu esforzo”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Desde a fronte nacionalista sinalan que “trasladaremos esta cuestión ao Parlamento galego para recoller a demanda veciñal pois esta é unha zona estratéxica, con produción agrograndeira, próxima a outras zonas de desenvolvemento agrogandeiro e cun enorme potencial de recuperación de cultivos tradicionais coma o centeo e o millo e de aproveitamento multifuncional do monte polo que non se entende a desidia do goberno galego”.

O BNG comparte a preocupación da veciñanza pola proposición de lei  do Partido popular de recuperación da terra agraria de Galiza por non supoñer ningún avance respecto das súas necesidades e fai fincapé en que carece dunha diagnose da realidade,  non desenvolve as potencialidades das terras agrarias abandonadas e non conta cos recursos económicos, técnicos e humanos necesarios para o seu desenvolvemento.