O Psdeg-Psoe presenta unha iniciativa para impulsar a dixitalización do concello de Ourense a través dun plan municipal de modernización tecnolóxica

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os socialistas levarán unha moción ao vindeiro pleno para pedir ao goberno municipal que redacte un plan de dixitalización e o dote dunha partida específica nos vindeiros orzamentos

Defenden a necesidade de afrontar unha “revolución tecnolóxica” para axilizar o funcionamento dunha administración local “ralentizada e saturada”, con “colas permanentes e agardas insoportables”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que levará unha iniciativa ao pleno municipal deste venres para impulsar a dixitalización do Concello de Ourense a través dun Plan de Modernización Tecnolóxica que contemple e promova o uso das TIC en todos os servizos do goberno local.

Os socialistas defenden a necesidade de afrontar unha “revolución tecnolóxica” no modelo de xestión municipal para axilizar o funcionamento dunha administración que consideran “lastrada” pola nula dixitalización dos seus servizos, así como “ralentizada e saturada” pola escaseza de persoal.

Neste sentido, o concelleiro Wilson Jones denuncia que a mostra máis evidente do “colapso” do Concello son “as colas permanentes e agardas insoportables que ten que padecer a cidadanía para acceder a servizos esenciais como son o rexistro ou o padrón”, cuxos “escasos” traballadores “non poden ir máis axiña porque os sistemas informáticos non llo permiten”. “Na cidade da intelixencia artificial, temos unha administración do século pasado”, lamenta o socialista.

Dende o grupo municipal socialista subliñan a importancia de conxugar o impulso das novas tecnoloxías no goberno municipal cun plan de alfabetización dixital para usuarios e traballadores, co fin de impedir que a fenda dixital obstaculice a implantación da administración electrónica. Neste sentido, lamentan que o alcalde decidise pechar a Aula CEMIT, “unha das ferramentas máis valiosas que tiña a cidade para a formación en novas tecnoloxías”.  

“Nos tempos que corren precisamos unha administración pública electrónica que facilite o traballo dos funcionarios e permita á cidadanía acceder aos servizos esenciais a distancia de xeito doado, áxil e seguro; máis agora que a COVID-19 puxo de relevo a escasa capacidade do Concello de Ourense para adaptarse e responder aos retos desta nova realidade”, manifesta Jones.

Así as cousas, os socialistas instarán ao Concello a redactar e aprobar un Plan de Modernización Tecnolóxica que contemple a renovación dos equipos informáticos municipais, a formación dos empregados do Concello, a dotación de equipamentos con conexión a internet en todos os edificios públicos e locais veciñais, así como a formación de toda a veciñanza para o uso axeitado das TIC; e insisten na necesidade de dotalo dunha partida específica e “ambiciosa” nos vindeiros orzamentos para “acadar unha administración do século XXI”.