A Xunta apoiará ó comercio e ó sector dos espectáculos con axudas directas e través dun bono

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta mañá un webinario informativo con representantes do comercio galego para presentar o Bono Activa Comercio ao que, desde mañá, xoves 15 de abril, se poden adherir os establecementos interesados.

Publicidade

Este bono funcionará a través dunha aplicación móbil ofrecendo descontos de 5 euros por compras iguais ou superiores a 30, así como descontos de 10 euros se son iguais ou superiores a 50 euros.

Tal e como lembrou Conde, esta iniciativa forma parte do Plan de medidas específicas de apoio ao comercio galego que contará con 20M€ en axudas para incentivar o consumo e apoiar a modernización do sector a través da dixitalización e o comercio en liña.

Súmase a outras actuacións como o Renove Electrodomésticos, a través do que se investirán 3M€ para que 20.000 fogares renoven os seus electrodomésticos e que os particulares poderán solicitar a partir da vindeira semana; ou o Bono Enerxía Peme e Comercio, cuxo prazo de solicitude comezou hoxe, e que apoiará tanto a mellora como a renovación dos sistemas eléctricos, iluminación ou climatización para incrementar a eficiencia enerxética. Para esta última iniciativa, resérvanse 3M€ cos que se agarda chegar en Galicia a 1000 pemes e autónomos do comercio, a hostalería e as actividades artísticas, recreativas e de entretemento.

AXUDAS PARA O SECTOR DO ESPECTÁCULO

A Xunta abre mañá -e durante un mes- o prazo para que o persoal das orquestras e doutras actividades do sector dos espectáculos poida optar a axudas para compensar a perda económica do parón da actividade durante a pasada primavera e verán.

Ofrecen unha axuda de 500 euros por cada unha das mensualidades – entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020- nas que as persoas solicitantes non obtiveran apoios públicos. As contías máximas, por tanto, poden acadar os 3.500 euros por persoa.

As axudas diríxense a persoas  contratadas por conta allea en empresas cuxa actividade se enmarque nalgún dos 9 códigos CNAE apuntados pola orde: actividades de gravación de son e edición musical; relacións públicas e comunicación; alugueiro de artigos de ocio e deportivos; aluguer de outra maquinaria, equipos e bens tanxibles n.c.o.p.; educación cultural; artes escénicas; actividades auxiliares ás artes escénicas; creación artística e literaria e xestión de salas de espectáculos.

Como requisitos, os candidatos deberán acreditar que en 2019 traballaron un  mínimo de 50 días nas empresas das citadas actividades, constituíndo ese tempo traballado como mínimo o 75% das xornadas laborais dese ano. Tamén deben probar que entre o 14 de marzo de 2020 e o 13 de outubro de 2020  non estiveron contratados por conta allea máis de 7 días en calquera empresa.