O concello de Ourense rexistra unha diminución do 12,8% das infraccións penais no ano 2020

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o concelleiro de Seguridade Cidadá do Concello de Ourense, Telmo Ucha, copresidiron esta mañá a reunión da Xunta Local de Seguridade na que se analizou a situación da seguridade cidadá no municipio.

O subdelegado do Goberno informou de que as estatísticas da Policía Nacional reflicten un descenso do 12,8% na cifra de delitos cometidos no ano 2020 no municipio de Ourense. Entre os meses de xaneiro e decembro rexistráronse un total de 3.691 infraccións penais neste concello, mentres que no mesmo período de 2019 foran de 4.231.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Emilio González sinalou que “en liñas xerais, o índice de infraccións penais no concello de Ourense reduciuse nunha porcentaxe moi importante, aínda que o 2020 foi un ano atípico no que a seguridade tamén se viu condicionada pola pandemia da COVID-19”. Así, informou de que destaca a diminución dos delitos graves e menos graves de lesións e rifas tumultuarias nun 41,2%; dos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual nun 7,4%; das agresións sexuais con penetración nun 40%; dos roubos con forza en domicilios nun 29,9%; e dos furtos nun 37,2%.

O subdelegado do Goberno aproveitou para “felicitar aos mandos e aos funcionarios da Policía Nacional pola gran profesionalidade que demostran e a súa capacidade de traballo ao compatibilizar os labores para garantir o cumprimento da normativa sanitaria e de seguridade cidadá”. Así mesmo, subliñou a excelente colaboración e coordinación existente entre todas as forzas e corpos de seguridade no concello de Ourense.

Igualmente, o subdelegado do Goberno informou durante a reunión do incremento de doce efectivos de Policía Nacional que realizan labores de investigación na comisaría provincial dende que se produciu o traslado da sala do 091. “Con esta medida, que pretende optimizar os recursos, Ourense conta con máis policías na rúa e nos traballos de investigación, permitindo mellorar sensiblemente os operativos que velan pola seguridade dos ourensáns”, sinalou González Afonso.

O subdelegado do Goberno lembrou que o traslado da sala do 091 é unha decisión técnica que forma parte do Plan Estratéxico da Policía Nacional, aprobado polo Ministerio do Interior en 2016 e que se puxo en marcha en 2017. Froito dese plan, que ten a finalidade de conseguir unha maior eficacia e rapidez de resposta nas intervencións da Policía Nacional, implementáronse os Centros Intelixentes de Mando, Atención, Comunicación e Control. “Con esta medida a veciñanza non perde calidade na atención nin se ve resentido o servizo, como tampouco se resentiu cando desapareceron as salas do 091 noutras cidades como Santiago de Compostela ou Ferrol, permitindo que poida actuar a patrulla máis próxima para dar asistencia”.

VIOLENCIA DE XÉNERO

En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, indican un descenso do 11,11% no número de casos activos no sistema VioGén con respecto ás cifras aportadas na Xunta Local de Seguridade celebrada no mes de decembro, pasando de 180 casos activos a 160. Deles, 2 presentan risco alto, 6 risco medio, 49 risco baixo e 103 risco non apreciado. En canto ao seguimento dos casos activos, 97 son asignados á Policía Nacional, 20 á Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e 43 á Policía Local.

PLAN DIRECTOR

No tocante ao Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e nas súas contornas sinalouse o mantemento dos dispositivos de vixilancia por parte da Policía Nacional, da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma e da Policía Local nas inmediacións dos centros educativos para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

Destacouse que durante este curso a maioría das actividades programadas nos centros escolares, como son as charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado sobre temas de acoso escolar, riscos das novas tecnoloxías e as redes sociais, bandas xuvenís e violencia de xénero, estanse a retomar de xeito telemático.

Así mesmo, déuselle traslado aos representantes das federacións e asociacións de veciños presentes na reunión de que, en canto a situación da pandemia o permita, retomaranse as charlas impartidas por parte da Policía Nacional sobre as temáticas que poidan resultar do seu interese.

Á reunión, que se levou a cabo na Subdelegación do Goberno, tamén asistiron o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Manuel Arias; a secretaria territorial da Xunta de Galicia, Silvia Dorado; o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía, Juan Carlos Blázquez; o xefe da Unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma, José Antonio Pérez; a intendente da Policía Local, María Barrera; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Mª Alida Iglesias Gil; así como representantes das federacións e asociacións de veciños.