Cociña sana e actividade física en «+60 online» de Afundación TV

O obxectivo é proporcionar ferramentas para minimizar os efectos que as limitacións na mobilidade provocan na saúde física e fomentar unha dieta sa asentada en produtos de tempada e de consumo sostible

Publicidade

Cada día hai unha actividade gratuíta en directo en Afundación TV dirixida á poboación sénior

Afundación, a Obra Social de ABANCA, reforza os contidos do seu programación de «60 online», co obxectivo de manterse activo en casa, conectado e evitar situacións de vulnerabilidade, dada a situación de maior illamento provocada pola pandemia, que se intensificou coas novas restricións. Así, para favorecer os hábitos saudables na dieta e a actividade física, programáronse, respectivamente, as actividades de «Cociña e nutrición: receitas lixeiras e novidosas para primavera» e «Actívate en casa».

Os mércores ás 12.00 h é a quenda de «Cociña e nutrición: receitas lixeiras e novidosas para primavera». Neste ciclo de oito sesións deseñaranse menús para os diferentes momentos do día con nutrientes de calidade: fibra, graxas saudables, vitaminas, minerais… e empregaranse as mellores técnicas de cociña e preparación saudable para non alterar o valor nutricional intrínseco dos alimentos. Abordarase como realizar a cesta da compra e organizar a neveira con alimentos frescos, de tempada e proximidade. O curso será impartido por Mayte Fernández Álvarez, técnica de cociña e gastronomía, panadería, repostería e confeitaría, e diploma en Cociña Galega da Escola de Hostalaría da Coruña. Xunto a ela estará Rocío García Ruiz, técnica superior en dietética, especializada en sobrepeso e obesidade, educación alimentaria e saúde dixestiva, quen aclarará dúbidas e analizará as crenzas amplamente difundidas para unha correcta alimentación diaria dunha forma fácil e natural.

Os xoves ás 12.00 h emítese o taller para activarse fisicamente desde casa e mellorar a saúde. «Actívate en casa» está dirixido especialmente a persoas maiores de 60 anos que queren realizar exercicio desde casa e coidar a súa saúde. Así ao longo de cada semana a través de exercicios de intensidade leve e moderada, os participantes poden traballar as capacidades físicas básicas, mellorando o equilibrio, a autonomía e a capacidade motriz en xeral. Ademais, poden realizar un autotest de avaliación física que lles permitirá adaptar a intensidade das súas sesións e valorar os seus progresos. O obxectivo desta iniciativa é a de envellecer dun xeito activo, con boa saúde e mellorar a condición física. Grazas á experiencia e estudos de Siel Bleu demostrouse que trala realización deste tipo de actividade moderada os adultos maiores reducen as caídas, melloran a autonomía e minimizan o risco de padecer enfermidades.