Derradeiros días para visitar a exposición Galicia, de Nós a nós

 Ata o vindeiro domingo (incluído), 18 de abril, estará aberta a exposición Galicia, de Nós a nós, a mostra máis completa -300 pezas- sobre o movemento cultural, político e social máis importante da historia de Galicia, que alumeou o pensamento político galeguista. A exposición, promovida pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, en colaboración con Afundación, pode contemplarse no centro cultural “Marcos Valcárcel” e na sala de exposicións de Afundación, na praza Maior de Ourense. 

Publicidade

Ata o momento preto de 7.000 visitantes achegáronse a contemplar a mostra e realizáronse 2.500 visitas interactivas. A exposición está constituída por pezas cedidas por máis de 60 institucións e particulares, onde se amosa a traxectoria deste movemento, xunto con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores. En Ourense, a exposición inclúe algunhas novidades con respecto á mostra que estivo na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, destacando as portadas das revistas editadas por Nós e un apartado que fala da especial relación que os membros deste movemento tiveron con Ourense.