O PP esixe que se garanta un servizo público postal de calidade nas áreas rurais da provincia

A iniciativa responde, explica o vicepresidente terceiro e portavoz do grupo popular, Plácido Álvarez, “á debilitación da estrutura postal nas zonas rurais, coa diminución de recursos e recortes de persoal”, con ata vinte postos de traballo menos en Ourense.

Publicidade

· “Non pode ser que desde o ámbito público esteamos a defender un rural con servizos dignos e de calidade e que unha entidade como Correos, tamén pública e de carácter universal polo seu ámbito de actuación, poña trabas ao desenvolvemento económico e social destas zonas”, critica o portavoz popular.

 O grupo provincial popular presentara ao pleno ordinario de abril unha moción na que esixe que se garanta o servizo público postal que presta Correos nas áreas rurais da provincia, onde contribúe á cohesión social, territorial e económica facilitando e dando acceso á veciñanza, ás empresas, ao comercio e ás administracións locais a un servizo de calidade e a prezos alcanzables. Unha iniciativa que responde, explica o vicepresidente terceiro e portavoz do grupo popular, Plácido Álvarez, “á debilitación da estrutura postal nas zonas rurais, coa diminución de recursos e recortes de persoal froito dunha xestión por parte da dirección de Correos que só obtén resultados económicos negativos”.

Os servizos postais están fortemente arraigados no rural e a súa prestación, segundo a lei, “debe atender ás condicións económicas e sociais do territorio e ás necesidades dos usuarios, de xeito especial polo que respecta aos puntos de acceso, á súa calidade e eficiencia, á igualdade de condicións respecto da poboación das grandes cidades, e sen discriminación algunha por razóns sociais ou xeográficas”, advirte Álvarez.

Na moción, o Partido Popular expresa a súa “profunda preocupación” pola situación deste servizo, onde só na provincia de Ourense Correos suprimiu vinte postos de traballo, cun recorte na contratación que deixa sen cubrir o emprego estrutural e calquera tipo de permiso ou licenza do persoal coa conseguinte redución na calidade, “e ademais sen ter informado nin consultado á Deputación de Ourense, malia que afecta gravemente ao traballo desta institución e aos intereses dos nosos concellos e da veciñanza á que nos debemos”.

“Non pode ser que desde o ámbito público esteamos a defender un rural con servizos dignos e de calidade e que unha entidade como Correos, tamén pública e de carácter universal polo seu ámbito de actuación, poña trabas ao desenvolvemento económico e social destas zonas”, critica o portavoz popular.

A iniciativa do PP inclúe sete puntos para a súa aprobación, que en síntese son:

1.    Reforzar o financiamento do servizo público postal, claramente insuficiente na actualidade, no próximo Plan de Prestación a aprobar polo Consello de Ministros.

2.    Incluír a Correos na repartición dos Fondos para a Recuperación, Transformación e  Resiliencia.

3.    Actualización e mantemento das oficinas auxiliares e unidades de repartición existentes nas zonas rurais, básicas na reversión da España despoboada.

4.    Lograr o maior achegamento aos cidadáns en condicións óptimas de accesibilidade marcadas pola Lei Postal e a Directiva Europea.

5.    Garantir a cobertura dos postos de traballo estruturais necesarios, na actualidade insuficientes.

6.    Instar o cumprimento dos parámetros de calidade determinados pola Lei Postal e o Regulamento que regula a prestación do Servizo Postal Universal, asegurando que todos os habitantes da provincia de Ourense reciban a súa correspondencia polo menos 5 días á semana.

7.    Dar traslado deste acordo ao Goberno, grupos parlamentarios do Congreso, á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, á Sociedade Estatal de Participacións Industriais, e aos ministerios de Transportes e Facenda.