A Xunta porá en servizo este venres o novo ‘skate park’ de Ourense para liberar o espazo actual e avanzar nas obras de posta en valor da Ponte Vella

Así se acordará na reunión da comisión de seguimento do convenio da Ponte Vella que se celebrará mañá á primeira hora

a xunta porá en servizo este venres o novo ‘skate park’ de ourense para liberar o espazo actual e avanzar nas obras de posta en valor da ponte vella

AVANTAR ACTIVIDADES
  • Os técnicos abordarán, ademais, o cambio de emprazamento inicial do ‘pump track’ cara ao Parque das Letras, solicitado polo Concello de Ourense

A Xunta porá en servizo este venres o novo ‘skate park’ de Ourense para liberar o espazo actual, a carón da capela dos Remedios, e poder avanzar no desenvolvemento das obras de urbanización prevista no proxecto de posta en valor da Ponte Vella.

Así se acordará na reunión da comisión de seguimento do convenio de posta en valor da ponte, que se celebrará mañá venres a primeira hora.

Na reunión entre técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, de Patrimonio e do Concello tamén se abordará, a petición deste último, o cambio de emprazamento do ‘pump track’ debido á presenza, na zona inicialmente prevista para o seu emprazamento, no parque do Couto, de infraestruturas xa existentes de difícil mobilidade, como as canalizacións de gas, e por cuestións medioambientais, para garantir o mantemento das árbores existentes.

Deste xeito, o Concello propuxo o Parque das Letras como lugar definitivo para instalar o pump track. Estas obras comezarán unha vez se dispoña dos permisos administrativos pertinentes da Confederación Hidrográfica Miño Sil e do departamento estatal de Estradas.

A actuación de posta en valor da contorna da Ponte Vella, na que Xunta inviste 1,1 millón de euros, está chamada a resaltar a monumentalidade deste conxunto emblemático entre a ponte e a Capela dos Remedios, reforzando o vínculo entre estes dous elementos patrimoniais e ofrecendo unha imaxe máis integrada, máis humana e máis amable para os veciños e veciñas de Ourense, pero tamén para os turistas e os peregrinos.

A actuación, que responde a un traballo conxunto e coordinado entre as Consellerías de Infraestruturas e de Cultura e o Concello de Ourense tras o convenio de colaboración asinado, busca acrecentar o potencial turístico de Ourense como cidade vinculada ao río Miño e ao Xacobeo. A ponte, ademais de ser o principal símbolo da cidade, tamén forma parte da Vía da Prata.

Os traballos que está a executar actualmente a Xunta dan continuidade aos xa realizados en 2016, coa 1ª fase de posta en valor da Ponte Vella, na que o Goberno galego investiu máis de medio millón de euros.

O investimento total da Xunta na recuperación e posta en valor desta contorna supera os 1,5 millóns de euros.