Sábado 24 de abril: a Fundación Vicente Risco dedica a xornada a lembrar a figura do xornalista e escritor Arturo Lezcano

O vindeiro sábado, día 24 de abril de 2021, a Fundación Vicente Risco dedica a xornada a lembrar a figura do xornalista e escritor Arturo Lezcano. Este acto de xusta lembranza e recoñecemento leva por título “Ruco na memoria” e consta de dúas partes:

A primeira desenvolverase pola mañá, en Ourense, no Liceo, a partir das 12:30h, onde terá lugar a presentación do libro póstumo do propio Arturo Lezcano, “Ruco”, titulado “Memoria” e publicado por Doutor Alveiros, un selo editorial da Fundación Vicente Risco. No acto intervirá Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación, Viruca González Estévez, viúva de Ruco, e Camilo Franco e Xosé M. Pacho, responsábeis da edición. Xa está aberta a inscrición para a reserva de prazas que se poderá facer no Liceo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Pola tarde terá lugar a segunda parte, en Allariz, cun acto de lembranza na propia sede da Fundación, por quen tanto pulou Arturo Lezcano, a partir das 18h. Tomarán a palabra persoas vinculadas á súa biografía e obra para destacar a súa contribución á Fundación e á cultura galega. Intervirán Celia Pereira Porto, presidenta da Fundación, Luís Martínez-Risco Daviña, Luis González Tosar, Delfín Fidalgo, Eduardo Galán, Acisclo Manzano e Viruca González Estévez. A continuación descubrirase unha placa para nomear a Sala de Xuntas como Sala Arturo Lezcano “Ruco”.

A presidenta da Fundación destacou que “é unha enorme alegría e un acto de xustiza poder, por fin, dedicar un día á lembranza e recoñecemento que merece Arturo Lezcano, pola súa contribución á cultura galega e, nomeadamente, á Fundación Vicente Risco, da que foi vicepresidente e, sobre todo, alma”, así como o seu chamamento á cidadanía de Ourense “por estarmos en presenza dunha vida dedicada ao compromiso con Ourense, do que fixo gala aló onde foi”, e engadiu que “do seu compromiso somos testemuñas tanto a Fundación Vicente Risco como a Fundación Eduardo Blanco Amor, institucións que fican xa unidas de forma indisolúbel pola relación que os respectivos autores mantiveron en vida e por ter compartido un padroeiro tan preclaro”.