A Deputación apoiará unha nova rodaxe na provincia: o filme de Alfonso Zarauza, Malencolía

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial ao gran triunfador dos XIX Premios “Mestre Mateo”, o director Alfonso Zarauza -quen conseguiu este ano 9 dos 12 galardóns aos que aspiraba coa película Ons-, xuntanza na que lle confirmou o apoio da institución provincial á que será a vindeira película do guionista e director galego, Malencolía, filme que se rodará na comarca do Carballiño. 

Publicidade

Baltar trasladoulle a Zarauza os parabéns polo éxito logrado nos Mestre Mateo, “o que supón un gran aval de calidade para o seu próximo proxecto, no que Ourense tamén será protagonista a través dos seus magníficos escenarios naturais, no marco da decidida aposta da Deputación polo ámbito audiovisual”. No encontro no Pazo Provincial tamén participaron o produtor Martín Calviño e o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar. 

Producida por Maruxiña Films, compañía fundada polos irmáns Alfonso e Rubén Zarauza  e con numerosas distincións nacionais e internacionais, Malencolía está concibida como unha película de terror con temática tradicional galega, rodada integramente en galego e cun equipo técnico e artístico cen por cen do país.