Maside instala un punto limpo móbil no campo de San Roque, en Dacón

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, acompañada do alcalde, José Manuel Iglesias, inaugurou o punto limpo móbil adquirido polo concello con cargo a unha axuda da Xunta. Neste sentido, Sagrario Pérez felicitou ao alcalde pola iniciativa, que permitirá ofrecer á súa veciñanza, por primeira vez, un servizo gratuíto de recollida a domicilio de mobles vellos, restos de madeira, electrodomésticos, chatarra ou metais, entre outros.

Así, entre as vantaxes derivadas da implantación dun punto limpo móbil, subliñou que se mellorarán as ratios de recollida de residuos, evitaranse os puntos de vertido incontrolado e darase un novo servizo á cidadanía, tanto no rural como na zona urbana, establecendo unha ruta regular por varios puntos previamente seleccionados para que poidan ter acceso a un sistema cómodo e itinerante para o depósito de voluminosos e residuos perigosos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A directora xeral tamén destacou a importancia da adhesións dos concellos ó Pacto polo Clima, dentro do que Maside xa está traballando para conseguir os obxectivos marcados.

Este novo sistema quedou colocado no Campo de San Roque, en Dacón, e dará servizo tamén ó concello do Irixo, como recalcou o alcalde. Conta con capacidade para a recollida de aparatos electrónicos, eslectrodomesticos, cables, entre outros, e ademais tamén recibiron un camión para a recollida de residuos voluminosos.

Esta adquisición forma parte dun concurso efectuado en 2020 no que un dos beneficiarios foi o concello de Maside. O alcalde aproveitou para agradecer todas as conversas e a receptividade da conselleira Ángeles Vázquez. De feito, o punto limpo móbil de Maside foi un dos proxectos seleccionados ao abeiro da devandita orde. Así, o Goberno local recibiu unha axuda da Xunta de 57.670 euros para adquirir un camión e unha grúa pequena para cargar grandes electrodomésticos e residuos voluminosos. O orzamento total do proxecto presentado polo concello ascendía a 73.000 euros, incluíndo tamén unha campaña de comunicación e sensibilización para promocionar o servizo, polo que o Goberno local achegou os 15.330 euros restantes.